O goberno do PP non pode utilizar a web institucional do concello para atacar o BNG


Screenshot_2018-08-21 Concello da Estrada

O PP leva tantos anos instalado no goberno municipal da Estrada que pensa que o concello é a súa casa e nela poden ordenar e facer o que queiran. Así, tanto lles dá utilizar a web institucional (aestrada.gal) para atacar aos partidos da oposición, en concreto ao BNG, como desbrozar as cunetas das parcelas dos amigos ou asfaltar as pistas dos afíns ao PP, mentres o resto do concello está a monte. O Partido Popular fai unha utilización caciquil e partidista da institución.

O concello, a institución, é de todas e todos, votaran ou non ao PP. E todos os veciños e veciñas teñen que ser tratados por igual; e no que atinxe á web municipal, o goberno do PP non pode utilizala para atacar ao BNG ou a calquera outro partido da oposición. A web institucional está para dar conta da actividade institucional e para reflectir como se gastan e como se xestionan os cartos de todos e todas.

Sen embargo, é tan escasa á actividade deste goberno do PP que non ten mellor maneira de encher o espazo web do concello que completala con ataques ao BNG pola última nota emitida a respecto da conta xeral, falando dunha herdanza recibida, cando o PP leva oito anos gobernando. E mentres isto sucede, a información que reciben os cidadáns a través da web institucional é caótica e escasa, por non dicir nula. Un exemplo: desde decembro de 2017 non hai actas dos plenos na web institucional, remitíndonos á sede electrónica, mais alí tampouco se poden atopar as actas dos últimos plenos do concello.

Desde o BNG instamos ao goberno do PP que deixe de instrumentalizar a institución que goberna, en concreto a web municipal, e traballar para todas e todos o ano escaso que lle queda no goberno.