O BNG ESIXE AO GOBERNO DO PP LLE DEA SOLUCIÓN A DÚAS OBRAS URXENTES NO LUGAR DE VILANOVA, NA PARROQUIA DE ORAZO


Non estamos a falar de problemas que aparecesen agora. Estamos sendo eco da voz dos veciños e veciñas afectados, que non ven efecto algún das súas reiteradas peticións ao Concello desde hai moitos meses, incluso anos.

Son deficiencias que representan perigo e polo tanto prexuízo grave para os veciños e veciñas que conviven con elas.

Por un lado unha vía que dá acceso a algunhas vivendas e a parcelas e salidos desas vivendas. A beiravía desta pista veciñal é un terraplén con un desnivel considerable, que limita co salido dunha desas vivendas. Un tramo do firme desa vía está en perigo de derrube, coa calzada fendida a punto de desprenderse cando volva o inverno e co muro de contención moi deteriorado polos temporais.

O segundo perigo que lles preocupa a estes veciños e veciñas é unha árbore situada no cume dun talude vertical duns catro metros de altura na outra marxe desa mesma vía á que facemos referencia. Trátase dun piñeiro de dimensións considerables que ameaza con virse abaixo podendo provocar un accidente de graves consecuencias.

Desde o BNG coñecemos este situación, como outras por todo o concello, e cónstanos que estes dous problemas de que estamos a falar son tamén coñecidos por Medio Rural municipal.

Desde o BNG instamos, esiximos ao goberno municipal do Sr. López que escoite aos veciños e veciñas de todo o territorio do concello e traballe para darlle solución aos seus problemas.

Falamos dos problemas de todos os veciños e veciñas, non só duns poucos, porque sabemos desde o BNG que si que hai reivindicacións dalgúns veciños que se atenden pero as de outros non.

O goberno do PP non pode presumir de contas saneadas cando non atende obras necesarias e imprescindíbeis para garantir a seguranza e o benestar dos veciños e veciñas.