O BNG aposta agora por un Plan Integral de Valorización de Pontevea


PonteveaO tempo das fotos dos alcaldes xa pasou, agora é tempo poñer en valor a ponte medieval de Pontevea

Os concelleiros do BNG da Estrada e de Teo, Xosé Magariños e Manuel Anxo Fernández Baz, respectivamente, acompañados por cargos orgánicos da organización nacionalista, así como polo deputado no Parlamento Galego, Luís Bará, presentaron na ponte de Pontevea unha moción instando á Xunta de Galiza a elaborar un Plan Integral de Valorización da ponte medieval e a súa contorna, recentemente declarada BIC.

A presentación tamén contou coa presenza de representantes da Asociación Entreaspontes, que nos últimos meses levaron a cabo un intenso e importante traballo de limpeza e desbroce da praia fluvial, situada a carón da praia.

O portavoz municipal da Estrada, Xosé Magariños, afirmou que “impulsamos a declaración BIC da ponte e agora e agora é momento de que as administracións públicas, tanto os concellos da Estrada como o de Teo, como a Xunta de Galiza, se impliquen na súa posta en valor”.

“O tempo das fotos xa pasou”, afirmou Magariños en alusión á escenificación dos alcaldes da Estrada e de Teo na ponte medieval o día que a Xunta a declarou BIC, “agora cómpre compromisos claros para recuperar e restaurar a ponte de Pontevea, así como a súa contorna, como por exemplo sinalando roteiros entre o Xirimbao e Sinde, entre outras actuacións”. “Toda a zona ten potencialidade e interese para os dous concellos”, engadiu Magariños, “de feito é moi notoria a afluencia de bañistas á praia fluvial grazas aos traballos de limpeza da Asociación Entreaspontes; de non ser por este colectivo a Pontevea seguiría a monte e abandonada”.

O concelleiro nacionalista explicou que “a parte da moción que rexistraremos en ambos os dous concellos, o deputado do BNG, Luís Bará, tamén rexistrará unha serie de iniciativas para que a Xunta elabore o Plan Integral de Valorización da ponte medieval e estreita colaboración cos concellos da Estrada e de Teo”. “A administración autonómica ten que implicarse nunha dupla vertente”, indicou Magariños, “por unha parte deseñando o Plan en colaboracións cos concellos, mais non menos importante é dotalo economicamente para sexa unha realidade e executalo canto antes”.

Advertisements