O BNG aposta por un Plan de Vivenda Municipal para garantir un dereito básico para todas e todos


VivendaO concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, rexistra unha moción na que insta ao goberno municipal a gravar fiscalmente a vivenda desocupada de bancos, entidades financeiras e inmobiliarias como xeito de promover a mobilidade da vivenda e abaratar os prezos

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, rexistra no concello unha moción na que propón “promover a mobilidade da vivenda desocupada gravando fiscalmente a que non sexa de propiedade particular de persoas físicas, isto é que sexa propiedade de bancos, financeiras, inmobiliarias, etc, que neste intre, aínda acaparan grandes bolsas de vivenda que non se incorporan á oferta”.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista, “previamente o goberno municipal a determinará o número de vivendas desocupadas, a súa titularidade, oferta existente en aluguer, prezos, demandantes de vivenda e situación económica dos mesmos, para que sirva de base para elaborar un plan de vivenda municipal que satisfaga as necesidades dos veciños e veciñas da Estrada”.

“O obxectivo”, engadiu Magariños, “é conseguir abaratar a vivenda, un dos dereitos básicos, restrinxido desde sempre, pero fundamentalmente nos anos anteriores á crise económica nos que a actividade construtiva se constituíu na máis visible expresión dun sistema xeneralizado de especulación capitalista, manifestada nunha alza continuada dos prezos en total disonancia co valor real das vivendas.”

“No BNG entendemos que a suba dos prezos xustifícase polo desequilibrio entre a oferta e a demanda”, explicou Xosé Magariños, “mais esta é unha relación amañada, xa que a pesar do grande número de vivendas desocupadas que se pode apreciar a simple vista na Estrada, estas non se incorporan á oferta manténdose así a progresión á alza dos prezos, tanto para adquirir unha vivenda en propiedade como en aluguer”.

Outros dos puntos do acordo da moción que propón o BNG é “a creación dun parque municipal de vivendas en aluguer ao que se poidan incorporar os propietarios particulares que o desexen, complementado coa construción de vivendas de promoción pública na cantidade necesaria para equilibrar a oferta e a demanda”.

“Desde o BNG tamén apostamos con esta moción a fixar prezos de referencia, sobre os que se aplicaría un índice de proporcionalidade que adecúe o prezo da vivenda aos ingresos dos usuarios e usuarias, facendo así efectivo” explicou Magariños, “o dereito constitucional ao seu uso e desfrute para toda a poboación, constituíndose nun servizo público e universal equiparábel á sanidade ou ao ensino”.

Advertisements