No BNG apostamos por un concello próspero e con futuro, por iso apostamos pola Cidade do Moble


Lagartóns (Cidade do Moble)Logo da última nota de prensa emitida pola organización política Móvete a respecto do proxecto Cidade do Moble queremos facer unha serie de precisións:

1. A Cidade do Moble nace da demanda do sector do moble e da madeira, apoiada por todo o tecido produtivo, e até o momento, de todos os partidos políticos con representación no concello. A construción da Cidade do Moble permitirá acadar os obxectivos de incrementar a profesionalización do sector do moble e da madeira, incrementar o emprego no noso concello e a cooperación empresarial. Tamén fará posíbel crear un produto competitivo a nivel global, reducir os custes de produción, agrupar o know-how do sector e aproveitar as sinerxías.

2. A Cidade do Moble non foi impulsada por Ramón Campos, como apunta Móvete; ao contrario, o único que fixo este alcalde do PP foi permitir a instalación de empresas en Lagartóns sen ningún tipo de control urbanístico; unha desfeita medioambiental que a Cidade do Moble solucionaría.

3. O proxecto da Cidade do Moble foi impulsada en 2006 polo Bipartito desde a Xunta de Galiza, a través da Consellería de Vivenda e Solo, dirixida naquela altura pola nacionalista Teresa Táboas. Este proxecto non só é respectuoso co medio ambiente, xa que conta entre outros elementos cunha depuradora que agora non hai, senón que vén a solucionar unha desfeita urbanística e unha “alegalidade” impulsada polo PP hai xa bastantes anos.

Polo tanto, a Cidade do Moble non é un proxecto municipal, como apunta tamén Móvete. O concello da Estrada non gastou nin un só euro neste proxecto. O custe do proxecto da Cidade do Moble corre a cargo da Xunta de Galiza, que aprobou o proxecto en 2011, mais lamentablemente desde que goberna o PP dorme nun caixón en San Caetano, xa que carece de orzamento para executalo.

4. A industria da madeira vive hoxe un dos seus mellores momentos cun crecemento sen precedentes. Cónstanos que hai empresas do sector da madeira que están a un paso de levar a súa produción fóra da Estrada, porque non hai solo público asequíbel que permita o seu crecemento. Tanto é así, que unha das empresas do sector emblemáticas do noso concello tivo que ampliar no aparcadoiro para poder incrementar a súa produción. Todo un síntoma de que non o estamos a facer as cousas ben.

5. Como vemos, estamos nun momento decisivo. Podemos apostar polo emprego e polo sector do moble e da madeira instando á Xunta de Galiza a executar xa a Cidade do Moble, como pedimos na moción que se discutirá no pleno do vindeiro xoves, cuxa posta en marcha terá unha repercusión positiva en todos os sectores económicos do concello, en especial no comercio, que vive agora mesmo un dos momentos máis críticos da nosa historia, un feito que denunciamos hai poucas semanas, poñendo como exemplo as varias ducias de baixos en aluguer e sen perspectiva de ser ocupados proximamente. Neste sentido, é curioso que, sen propoñer outra alternativa, Móvete aposte pola chegada á Estrada da AG-59, que, tal e como está a situación económica no concello, só servirá para facer máis doado o desprazamento a Santiago de Compostela, afogando definitivamente o comercio local.

Mais tamén podemos deixar pasar o tren e seguir de costas á realidade, vendo como un concello con enormes potencialidades vive paralizado política e economicamente por un goberno do PP, cuxa únicas aspiracións é ampliar unha Alameda que non necesitamos e deixar en mans privadas o desenvolvemento urbanístico do concello.

No BNG non apostamos por resignarnos, apostamos por un concello próspero e con futuro, por iso apostamos pola Cidade do Moble.