O PP non pode permanecer impasíbel fronte as desfeitas causadas polo xabaril


Desfeita no milloO 29 de agosto pasado, o deputado do BNG, Xosé Lúis Rivas “Mini”, anunciou a presentación dunha batería de iniciativas para reclamar da Xunta a posta en marcha dun plan de Xestión do xabaril e abrir unha liña de axudas polos danos ocasionados ante os numerosos ataques da especie en diferentes cultivos.

Desde o ano 2016 non existen axudas públicas para os danos ocasionados polo xabaril nin tampouco un teléfono operativo na consellería para recoller as demandas das persoas afectadas.

Non é a primeira vez que desde o BNG instamos á Xunta a actuar fronte ao xabaril e ante os destrozos que causa aos gandeiros e gandeiras nas súas colleitas. Hai apenas un ano este mesmo deputado nacionalista visitaba o noso concello para interesarse polas desfeitas causada pola fauna salvaxe reuníndose con varios gandeiros afectados.

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno da Xunta a actuar fronte aos problemas que causa o xabaril en particular, mais tamén fronte aos problemas que causa a fauna salvaxe. Non se pode cargar sobre as costas de quen vive do agro o manter a biodiversidade; as institucións públicas teñen que responsabilizarse de indemnizar os danos que causa a fauna salvaxe.

E tamén instamos ao goberno municipal a moverse para velar polos intereses dos veciños e veciñas cuxas colleitas resultan arrasadas pola fauna salvaxe. Sabemos que o concello non ten competencias, mais pode presionar o seu goberno amigo de San Caetano a actuar xa contra esta lacra.