Montse Prado: “A morte dun veciño da Estrada no PAC non pode quedar impune, chegaremos até o final”


Montse Prado, Susana Camba e Constantino Regueira

Montse Prado, Susana Camba e Constantino Regueira

A deputada nacionalista visita o centro de saúde para coñecer o estado e instalacións no que faleceu unha persoa o pasado 4 de agosto

A Estrada, 18 de setembro de 2018: A deputada do BNG, Montse Prado, así como membros do consello local da organización nacionalista da Estrada, Susana Camba e Constantino Regueira, fixeron na mañá de hoxe unha visita ao centro de saúde da Estrada e ao PAC da localidade no que pasado mes de agosto faleceu un veciño por mor dos recortes na sanidade pública galega.

Montse Prado quixo coñecer in situ as instalacións do PAC e do centro de saúde, tempo que aproveitou tamén para falar cos responsábeis do ambulatorio. Segundo explicou a deputada nacionalista, “esta visita enmarcase na investigación parlamentar impulsada polo BNG, PSdeG-PSOE e En Marea que servirá para aclarar o ocorrido o sábado 4 de agosto pasado no que faleceu unha persoa porque nese intre non había equipo médico, porque saíra do centro para atender unha urxencia”.

A deputada do BNG quixo manifestar que “existe un compromiso claro por parte da nosa organización para chegar até o final neste asunto, que non pode quedar impune nin nunha simple declaración de intencións, como fixo Feixóo a semana pasada en sede parlamentar, nun intento de tranquilizar á familia presente no hemiciclo e á opinión pública”.

“Por parte do BNG”, engadiu Montse Prado, “temos claro que saúde é unha prioridade absoluta, e traballaremos arreo para rematar cos recortes, que ao tempo que precarizan servizos, incrementan as contas de resultados de empresas privadas da saúde, mais tamén da educación pública”.