O BNG insta ao concello a mudar a perigosa ubicación duns contenedores do lixo en Santo André de Vea


Contenedores do lixo en Santo André de VeaO BNG insta ao concello da Estrada a afastar da estrada EP-8401 en Santo André de Vea uns contenedores do lixo que impiden a visibilidade e poden causar graves accidentes de tráfico. Os contenedores, situados nas marxes da estrada Portela-Souto de Vea no lugar de Ramiráns, impiden aos veciños e veciñas da parroquia incorporarse con seguranza cos seus vehículos a esta estrada desde un vial secundario, situado á altura do Valiño.

Foron os propios veciños e veciñas desta parroquia os que puxeron en coñecemento do BNG esta situación de perigo, nunha estrada que ten unha alta densidade de tráfico, seguramente demasiado elevada para as súas características e categoría.

Desde o BNG tamén instamos ao goberno do PP a incrementar o número de contenedores de vidro e cartón no rural para fomentar e incrementar a reciclaxe no rural. O número é tan escaso que resulta pouco eficiente a recollida dada enorme dispersión territorial do noso concello. Mais, o goberno do PP tamén debería facer unha mellor distribución dos contenedores, xa que no caso que vimos de denunciar en Santo André de Vea, hai dous contenedores de vidro que están xuntos, podendo ubicar un deles noutro punto da parroquia. Ademais, desde o BNG consideramos que esta reorganización tamén debería afectar a aqueles lugares onde o número de estabelecementos de hostalaría ou comercio fai necesario un incremento do número de contenedores, xa que é habitual que estes estean desbordados ante o volume de lixo que xeran estes estabelecementos.

Por outra parte, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, instou ao goberno municipal no pleno do pasado xoves a instalar bases de cemento en todos os contenedores do lixo do rural. Na actualidade hai contenedores con base e outros sen ela, nunha disposición tan aleatoria como discriminatoria, xa que nun mesmo núcleo hai contenedores con e sen base de cemento. Desde o BNG seguimos sen entender este trato tan desigual que dispensa o goberno municipal do PP aos veciños e veciñas do rural, especialmente porque a día de hoxe este goberno non é quen de dar explicacións sobre esta cuestión.

Ana Pontón visita a Feira do Moble de Galiza
Noutra orde de cousas, desde o BNG da Estrada comunicamos que a portavoz nacional da organización nacionalista, Ana Pontón, visitará a Feira do Moble de Galiza, o xoves 20 de setembro, ás 12.30h. Con esta visita, o BNG quere expresar o seu apoio á industria do moble local ao tempo que aproveitará a visita para intercambiar impresións con representantes do sector sobre os problemas e necesidades desta industria vital para A Estrada. A portavoz nacional estará acompañada polo portavoz municipal, Xosé Magariños, así como militantes da organización nacionalista.