A Estrada merece algo máis que remendar o remendado na N-640


Os remendos da N-640 ao seu paso pola vila

Os remendos da N-640 ao seu paso pola vila. Imaxe Google Earth ano 2017

O alcalde da Estrada está “missing” dos grandes temas que afectan o noso concello, permitindo a enésima tomadura de pelo por parte do Goberno central que tampouco é quen de poñer a Variante na súa axenda

Non hai máis que botarlle unha ollada ao Google Earth para vermos os continuos bacheos e rebacheos que sufriu a N-640 nos últimos anos. É máis, o remendos que está a facer o Ministerio de Fomento nos últimos días son para remendar o remendado anos atrás.

Desde o BNG da Estrada consideramos que A Estrada merece algo máis que remendos, o noso concello merece que unha das principais arterias de comunicación estea en perfecto estado e teña unha capa de rodadura nova con garantías de duración e de seguranza. O que estamos a ver estes días é unha tomadura de pelo, que, ademais, está a a causar graves inconveniente aos veciños e veciñas, iso sen mencionar que ocorre no medio da semana máis importante para Estrada desde o punto de vista económico coa celebración da Feira do Moble de Galiza. Un despropósito.

Mais esta tomadura de pelo non é só responsabilidade do Goberno central. O alcalde da Estrada está “missing” dos grandes temas que afectan o noso concello. Nin é quen de petar na mesa para reclamar un asfaltado á altura do que A Estrada merece, nin é quen de esixir do Ministerio de Fomento a execución da Variante para solucionar os problemas de tráfico e para proporcionar o noso concello unha infraestruturas que nos poña á altura do século XXI, que sirva para dinamizar a nosa economía.