Humanizar a Praza da Feira sen antes crear zonas de aparcamento público alternativo é empezar a casa polo tellado


Praza da FeiraSuprimir as prazas de aparcamento da Feira será lesivo para os veciños e veciñas e unha desfeita para o comercio

“Xa o dixemos en moitas ocasións, se o goberno do PP non aumenta as zonas de aparcamento público en superficie antes de facer humanizacións, este goberno empezará a casa polo tellado”, afirmou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, posicionándose así contra a nova idea do alcalde.

“Non hai máis que ver a praza calquera día da semana, así como o aparcadoiro que hai na carballeira da Feira, para ver que fan falta zonas de aparcamento”, engadiu Magariños, “humanizar sen crear antes esas prazas prexudica aos veciños e veciñas e para o comercio sería xa a gota que colma o vaso dunha desfeita anunciada”.

“O mesmo ocorre na Avenida Fernando Conde”, explicou Magariños, “a humanización anunciada polo alcalde eliminará prazas de aparcamento para as que non hai alternativa, un proxecto que está nas antípodas do que o BNG propuxo no seu momento, que apostaba por apertura de novas rúas para desconxestionar o tráfico e dar saída á N-640”. “Con todo”, engadiu o portavoz do BNG, “se non chega a ser polo BNG lanzando unha proposta de actuación en Fernando Conde, hoxe nin tan sequera figuraría na axenda do alcalde”.

“Insto ao goberno do PP a ser un pouco máis reflexivo e a non anunciar cousas sen sentido, que o único que fan é a alarmar aos veciños e veciñas”, indicou o concelleiro do BNG. “Este é un goberno que anuncia moitas cousas, sen antes reparar nas consecuencias, o que indica que este é un mal goberno”, sentenciou Xosé Magariños.