O BNG insta ao alcalde a que a vindeira edición da revista “Miscelánea” sexa integramente en galego


portada_misc19O BNG da Estrada, a través da súa representante no padroado da Fundación Cultural da Estrada, Susana Camba, que se reuniu onte luns en sesión ordinaria, instou ao alcalde a que a próxima edición da revista “Miscelánea” se faga integramente en galego. Esta revista, de publicación anual, adoita inserir artigos sobre cuestións que afectan o noso concello, e non non están traducidos ao noso idioma.

Susana Camba explicou que “non é de recibo que un concello que aprobou hai poucas semanas unha ordenanza de normalización lingüística onde se comprometía a fomentar a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal, edite unha publicación onde o galego é case anecdótico”.

A representante do BNG na padroado da Fundación engadiu “que non valen as declaracións valeiras, o que importan son os feitos, e o concello ten unha oportunidade na edición da Miscelánea deste ano para demostrar con feitos que aposta pola nosa lingua”.

Baixa de maternidade
Noutra orde de cousas, Susana Camba tamén instou ao alcalde a cubrir a baixa por maternidade dunha traballadora de Radio Estrada. “É un desleixo absoluto se non se cubre esta baixa, xa que isto sobrecarga de tarefas ao resto de traballadores e traballadoras de Radio Estrada, e vai en detrimento do servizo público que presta a radio municipal”.