O BNG propón actuacións en mobilidade e calmado de tráfico en Santo André de Vea e Guimarei


Santo André de Vea 7

Ramiráns (Santo André de Vea) – EP-8401

As actuacións previstas, que completan as previstas pola Deputación de Pontevedra, centraranse no calmado do tráfico e redución da velocidade para garantir a seguranza de veciños e veciñas en vías cunha alta densidade de tráfico

O BNG da Estrada, a través do concelleiro desta formación política, Xosé Magariños, presenta unha moción para actuar sobre a mobilidade en diversas estradas do noso concello.

O concelleiro nacionalista explicou que “as actuacións que incorporamos a esta moción son en Santo André de Vea (na EP-8401, no lugar de Ramiráns) e en Guimarei na EP-7001 á altura do Rial e no vial municipal que vai da Fonte da Torre e o recinto municipal no lugar da Torre”.

“Estas actuacións completarán outras previstas polo departamento que dirixe o nacionalista Uxío Benítez na Deputación de Pontevedra en Tabeirós, Ouzande, Alto da Cruz, Santa Cristina de Vea e Souto de Vea, diante do colexio Manuel Villar Paramá”, indicou o concelleiro do BNG. “En todos os casos”, engadiu, “estas actuacións responden a demandas dos veciños e veciñas das parroquias que piden medidas que lles permitan camiñar seguros polas estradas do noso concello”.

“En algún caso”, explicou Magariños, “trátase actuacións sobre vías cunha alta densidade de tráfico e vehículos pesados, como é o caso da estrada Portela – Souto de Vea ou Alto da Cruz – Toedo, nunhas vías estreitas e con casas moi pegadas á vía pública que pon en perigo a veciños e veciñas do lugar”.

Segundo indicou o concelleiro do BNG, “os partidos políticos temos a responsabilidade de mellorar a seguranza e a calidade de vida dos veciños e veciñas. Reducir a velocidade é clave para reducir a sinistralidade especialmente en puntos conflitivos detectados polos propios veciños e veciñas”.

“Estas actuacións, tanto as que vai executar nas próximas semanas a Deputación como as que propoñemos na moción que presentamos desde o BNG”, engadiu Magariños, “centraranse no calmado do tráfico, pois entendemos que unha redución efectiva da velocidade implica tamén unha diminución drástica do número de accidentes”. “O prioritario son as persoas, non os coches”, afirmou o concelleiro do BNG, “e isto é moi importante nun concello como o noso cun elevado número de núcleos de poboación, moi espallados e cunha densa rede de estradas que interconectan parroquias e lugares”.

Por outra parte, o concelleiro do BNG tamén quixo responder á petición que hai uns días formularon os alcaldes da Estrada e de Cuntis, solicitando melloras na estrada Portela-Souto de Vea. Xosé Magariños afirmou que “o alcalde non debe recordar que esa estrada inaugurouna el e Louzán en 2013, e daquela fixo caso omiso á petición dos veciños e veciñas, así como do propio BNG, que instaban a mellorar un trazado sinuoso e perigoso”. “Parece que hai cinco anos non era importante mellorar o trazado, a pesar de que daquela xa tiña as mesmas curvas e a mesma perigosidade que a día de hoxe; en todo caso, dámoslle a benvida ao sentido común, e pola nosa banda traballaremos para que a petición que fai o alcalde ao goberno “inimigo” da deputación sexa unha realidade”, indicou Magariños.