O BNG da Estrada alerta da falta de aparcadoiros no novo centro de saúde


Novo centro de saúde

Xosé Magariños acusa ao goberno municipal do PP “de improvisar, de falta de previsión e de planificación, e de cometer os mesmos erros de sempre, sen unha mínima vontade de rectificación”

“Teremos un novo centro de saúde, mais cos mesmos vellos problemas para aparcar que no antigo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “tanto profesionais do centro como pacientes van ter moi complicado aparcar na Baiuca, un espazo onde tamén está ubicada a escola infantil”.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista “vistos os planos de construción do novo centro de saúde, só se poden apreciar unhas 20 prazas para aparcar, unha cifra ridícula que choca coa teimuda realidade que sofren todos os días traballadores/as e pacientes no antigo centro”.

Xosé Magariños acusa ao goberno municipal do PP “de improvisar, de falta de previsión e de planificación, e de cometer os mesmos erros de sempre, sen unha mínima vontade de rectificación: recibir instalacións públicas sen unha valoración das condicións que reúnen”. “Así, acabaremos vendo ringleiras de coches pola Avda. Benito Vigo e mesmo provisionalmente no aparcadoiro da urbanización do Lidl”, explicou o concelleiro do BNG, “mais ao cabo dun tempo os veciños e veciñas da Estrada terán os mesmos problemas para aparcar que no antigo centro, unha vez que os servizos previstos na zona estea en pleno funcionamento”.

“López estará moi contento cos seus zapatos novos que lle paga a Xunta”, indicou Magariños, “mais ao cabo dun tempo acabaranos apretando os pés a todos e todas”. “Temos un alcalde neglixente que non é quen enfrontarse aos gobernos amigos”, afirmou o concelleiro do BNG.

O novo centro de saúde ten un custe de 3.278.000 euros e será construído pola UTE Puentes y Calzadas nunha superficie cedida polo concello á Xunta de Galiza de 4.262 metros cadrados.