O goberno do PP estreita perigosamente a vía de acceso a Torreboredo


IMG-20180929-WA0004

Desde o BNG asistimos con estupor ao absurdo dos absurdos: supostas obras de mellora nunha vía de comunicación, convértense, por mor da desidia e irresponsabilidade dun goberno, en obras de empeoramento.

Estámosmos a referir á vía que saíndo da estrada da deputación PO7025 que arranca en Nigoi, accede a Torreboredo na parroquia de Souto. Diante das queixas veciñais o BNG non saíu do asombro cando comprobou que como consecuencia das obras de renovación do firme desta vía e á limpeza das cunetas, agora a calzada útil estreitouse de tal xeito que se fai pouco menos que intransitable polo perigo que significa teren que cruzarse dous vehículos.

As razóns son máis ca evidentes : ancho da calzada 3.50 metros. Se se ten en conta que o ancho medio dun vehículo turismo mide ao redor de 1.65/1.70, nin sendo condutores ou condutoras moi experimentados se pode acometer tal manobra sen risco dalgunha incidencia. O perigo aumenta se se lle fai caso á velocidade permitida, tendo en conta ademais a profundidade que teñen agora as cunetas e o feito de que non hai beiravías.

Por suposto que non é preciso imaxinar o que pasa se un dos vehículos é unha simple camioneta e non digamos un camión: manobra imposible, co agravante de que non hai onde cambiar de sentido.

O BNG quere poñer en evidencia que este total despropósito impídelle á veciñanza facer uso da vía, véndose obrigados a non circular por ela.

O BNG, no nome dos veciños e veciñas afectados, esíxelle ao goberno municipal do PP que lle poña sen dilación remedio a esta situación que os prexudica seriamente, e antes de que haxa que lamentar males maiores.