A poboación da Estrada descende costa abaixo e sen freos


EVOLUCIÓN DA POBOACIÓN DA ESTRADA 1998-2017 (Datos_ INE)O concello da Estrada a piques de baixar dos 20.000 habitantes o que suporá unha importante perda de ingresos

Xosé Magariños: “A construción dunha nova Alameda non nos vai salvar de baixar de categoría, o que nos pode salvar é a construción de solo industrial público, entre o que destacamos a posta en marcha da Cidade do Moble, entre outras medidas”

O BNG da Estrada alerta da grave situación demográfica do noso concello. Xosé Magariños explicou que “segundo o INE en xaneiro de 2017 A Estrada tiña 20.700 habitantes, e no período que abrangue 1998-2017 perdeu 1.669, pero o grave é que entre 2007 e 2017 perdeu 1.208 habitantes, é dicir o 72% perdeuno nos últimos dez anos”.

“Que A Estrada perda en 19 anos o 8% da súa poboación pode parecer pouco”, engadiu Magariños, “pero é como se desapareceran completamente concellos como Dozón ou Fornelos de Montes, por poñer só dous exemplos”.

O concelleiro da organización nacionalista, Xosé Magariños, “afirmou que a perda de habitantes da Estrada vai costa abaixo e sen freos, o que ten, desde todos os puntos de vista, enormes repercusións para o concello, e ningunha delas será positiva”.

“Unha das primeiras repercusións será nos ingresos que recibe o concello de distintas administracións”, indicou o concelleiro nacionalista, “entre elas o PIE (Participación nos Ingresos do Estado)”. “Se baixamos dos 20.000 habitantes, e estamos moi preto de baixar de categoría”, explicou Magariños, “o concello percibirá menos ingresos por este concepto”. “Segundo a FEGAMP en 2016 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, entre os que se atopa A Estrada agora mesmo, percibiron 205 euros por habitante, mentres que os concellos de 5.001 a 20.000 habitantes percibiron 188 euros por habitante”, explicou Magariños.

Para o concelleiro nacionalista “estes datos deberían encender todas as alarmas no grupo municipal do PP”, afirmou, “ e como dixen antes, imos costa abaixo e sen freos, un feito que é palpábel na rúa e que é vox populi, só hai que ver o elevado número de baixos comerciais pechados que hai na vila ou o abandono do rural para ver que algo non vai ben”.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, “este descenso de poboación débese a inexistente política económica do goberno municipal, non teñen proxecto, só fan aquelo que lle propoñen desde algunha consultora como Idom, que mira polos seus intereses económicos, non polos nosos”. “Mais esta perda de poboación”, engadiu Magariños, “tamén é debido á política económica suicida do PP na Xunta de Galiza, especialmente a que atinxe aos nosos sectores produtivos básicos, así como a política urbanística ditada pola Xunta do PP, que impide construír no rural, e polo tanto, asentamento de poboación neste medio, e que o goberno municipal copiou ao pé da letra, expulsando a centos de veciños ás cidades onde as construtoras fan o seu agosto”.

O concelleiro do BNG insta ao goberno do PP a dar un golpe de timón á política económica, “a construción dunha nova Alameda non nos vai salvar de baixar de categoría, o que nos pode salvar é a construción de solo industrial público, entre o que destacamos a posta en marcha da Cidade do Moble”. “Elevar a actividade económica no noso concello é clave para evitar que os veciños e veciñas se busquen a vida noutras latitudes”, afirmou, “e nese sentido o goberno municipal do PP non pode agardar a que lle veñan facer unha urbanización como a do Mercadona, que, á luz dos datos demográficos, está por ver se se fai finalmente, o concello ten que tomar se parte da reactivación económica, e se hai que reformar o PXOM, por exemplo, para permitir que no rural se poida vivir, mais tamén traballar, pois haberá que facelo”.