O BNG insta ao SEPRONA a actuar contra o concello polos reiterados vertidos de Lagartóns


IMG-20181010-WA0005

Os Bolos, Lagartóns

Xosé Magariños: “ o que teñen que aturar os veciños desta parroquia xa é insoportábel e todo pola incompetencia e deixación de funcións do goberno municipal e do alcalde”

A Estrada, 10 de outubro de 2018: O BNG volver alertar do vertido dos sumidoiros nos Bolos (Lagartóns). O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirma que “o do concello da Estrada é xa é de xulgado, é un delito ambiental reiterado o que sofren os veciños e veciñas da parroquia de Lagartóns, que teñen que soportar cheiros e líquidos contaminantes polos camiños e cunetas”.

Xa antes do verán denunciamos estes feitos”, indicou Magariños, “mais o que teñen que aturar os veciños desta parroquia xa é insoportábel e todo pola incompetencia e deixación de funcións do goberno municipal e do alcalde, que non é quen de enviar unha brigada municipal para arranxar unha desfeita que cheira, e moito”.

O concelleiro nacionalista explicou que “con este pasotismo do goberno do PP xa nos vemos obrigado a instar ao SEPRONA a abrir dilixencias contra o concello, non é de recibo que os veciños e veciñas de Lagartóns estean nestas condicións insalubres, mentres o alcalde mira para outro lado”.

O BNG da Estrada presentou no mes de maio auga contaminada recollida en diversos puntos do concello, tamén nos Bolos en Lagartóns, que entregaron no rexistro do concello para o seu análise. O concelleiro da organización nacionalista explicou que “con este acto quixemos facer unha chamada de atención sobre o sistema de depuración do concello para alertar da súa ineficacia, mais á vista do que pasar nesta parroquia é evidente que ao alcalde non lle molesta porque non lle cheira, non lle chega o aire fétido á atalaia do seu despacho, se iso o tivera diante da súa casa, outro galo cantaría”.

Advertisements