É o momento de saldar a débeda histórica cos “Mártires da Estrada”


Rúa Capitán BernalO BNG rexistra unha moción para eliminar o rueiro fascista da vila e en apoio ás activistas coñecidas como ás 19 de Meirás

O BNG rexistra unha moción na que insta ao pleno co do concello da Estrada a apoiar ás activistas das memoria histórica coñecidas como “19 de Meirás” e a saldar a débeda histórica cos “Mártires da Estrada” fusilados polo fascismos en 1937.

O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, explicou “que A Estrada ten unha asignatura pendente coa memoria histórica e coas vítimas da Ditadura do noso concello. Aínda hoxe, 81 anos despois, non se cumpriu a petición do alcalde da Estrada, Ramón Fernández, e dos concelleiros fusilados o 5 de xuño de 1937, en plena represión fascista do réxime de Franco. Esta petición, feita aos pés do paredón, non era outra que a de que o noso concello adicara unha das rúas “máis céntricas e florecentes da vila” aos “Mártires da Estrada” asasinados”.

“Non é de recibo que as rúas da Estrada honren aos asasinos como Calvo Solteo ou Capitán Bernal no canto de honrar ás vítimas da represión Franquista,” engadiu Magariños, “isto é un anacronismo democrático que compre corrixilo xa”.

O concelleiro nacionalista explicou que “agora é momento, agora hai que dar un paso adiante para honrar as memorias das vítimas da ditadura nun intre histórico no que se vai exhumar o corpo Ditador do Val dos Caídos e mesmo se pon en cuestión a adquisición do patrimonio da familia Franco valéndose do espolio e do roubo, tendo no Pazo de Meirás un dos símbolos máis evidentes do latrocinio no noso país”.

“E neste sentido”, explicou o concelleiro nacionalista, “se neste intre histórico hai un cuestionamento tan evidente e tan forte do Franquismo é grazas ás activistas coñecidas como “19 de Meirás”, galegas e galegos demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais, da memoria… que o pasado 30 de agosto de 2017 realizaron unha acción pacífica e simbólica, consistente en despregar dúas pancartas no pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego, de todas as galegas e galegos. Pretendían deste xeito, instar as institucións públicas que realmente teñen capacidade para o facer, a abandonaren a pasividade e a actuaren para rescatar o pazo e todo o patrimonio espoliado polo ditador Francisco Franco.“

Tratouse unha acción pacífica, realizada nun día de visita pública, en que a obriga da familia detentadora do pazo era telo aberto ao público como corresponde a un patrimonio declarado como Ben de Interese Cultural.

“Esta ocupación simbólica de Meirás”, explicou Magariños, “que tivo repercusión internacional, reactivou o debate social e político sobre a recuperación do pazo e obrigou as institucións públicas a se manifestar e a actuar máis decididamente ou comezar a facelo, segundo os casos.”

“A pesar de ser unha acción pacífica”, explicou o concelleiro do BNG, “o pasado mes de maio, as 19 das persoas participantes nesta acción pacífica e simbólica, tiveron coñecemento, a partir dunha notificación do Xulgado de Betanzos, de que foron denunciadas pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco, neto do ditador. Os delitos de que os acusan son os que se enumeran a seguir: violación de morada, co agravante de violencia ou intimidación, que segundo o Código Penal español está penado con prisión de 1 a 4 anos; delito contra o honor con publicidade, penado con 6 meses a 2 anos ou multa de 12 a 24 meses; danos, na modalidade agravada, penado con prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses; e delito de odio, penado con prisión de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses.”
“Consideremos que estamos diante dunha denuncia que é unha verdadeira barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico”, afirmou Magariños. “Politicamente resulta absolutamente ferinte que os bens espoliados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura. A permanencia desas propiedades na familia Franco simboliza magnificamente a continuidade das estruturas de poder real da ditadura -quer no ámbito económico, no xudicial, no mediático e mesmo en moitos aspectos no político- que foron herdadas polo réxime de 78 aínda vigorante e que produciron unha democracia de moi baixa calidade que fai que, 40 anos despois, no Estado español se continúe perseguindo a liberdade de expresión e encarcerando persoas polas súas opinións e polas súas ideas políticas”, engadiu.

“Por todo isto”, explicou o concelleiro do BNG, “propoñemos na moción que presentamos unha serie de acordos para saldar a débeda do concello cos Mártires da Estrada e para apoiar ás activistas 19 de Meirás que están loitando pola devolución do roubado ao pobo galego”.

Os puntos de acordo da moción presentada polo BNG son os seguintes:

1. Expresar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego.

2. Manifestar o rexeitamento a respecto da demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez Bordiú Franco contra 19 demócratas que participaron na citada ocupación pacífica e simbólica, e que son acusados de delitos de odio, contra o honor, danos e violación de morada.

3. Expresar a condena e rexeitamento do uso do Pazo de Meirás por parte da Fundación Nacional Francisco Franco para facer apoloxía do xenocidio fascista, da Ditadura e do Ditador, e en consecuencia demandar que se inicien accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación.

4. Instar ao Goberno español a que inicie de xeito inmediato accións legais contra a propiedade do Pazo de Meirás, de acordo co informe histórico-xuridico elaborado a instancia da Deputación Provincial da Coruña, e acordado por unanimidade do seu Pleno, para que a administración lexitimada para facelo poida recuperar como ben público o Pazo de Meirás, roubado ao pobo galego durante o réxime xenocida franquista.

5. Dar traslado deste acordo ao Goberno do Estado, Parlamento de Galiza e Deputación Provincial da Coruña.

6. Dar cumprimento á petición do alcalde fusilado en 1937, Ramón Fernández, adicando unha das rúas máis céntricas da vila aos “Mártires da Estrada”.

7. Eliminar do rueiro fascista substituíndoo por referencias positivas merecentes de mellor recordo para a vila polo seu respecto pola democracia e polos estradenses.