A Xunta do PP dálle as costas á Estrada: cero euros para a Cidade do Moble nos orzamentos 2019


Denunciamos a actitude hipócrita e demagoga do PP local e do alcalde, parapetados en boas intencións a respecto da Cidade do Moble que nunha se materializan en algo concreto

Hai apenas un mes o pleno do concello da Estrada aprobou cos votos favorábeis de BNG, PP e PSOE (Móvete votou en contra) unha moción instando á Xunta para que dotara de orzamento o proxecto da Cidade do Moble en Lagartóns.

No día de onte presentáronse os orzamentos da Xunta 2019 e a sorpresa non se fixo agardar. A Xunta do PP fai oídos xordos á petición do pleno do concello, consignando CERO EUROS para o proxecto sectorial do moble na Estrada, que dotaría de solo industrial moi necesario, como moi ben puidemos constatar na pasada edición da Feira do Moble de Galiza en conversas cos empresarios locais, que ven afogados os seus negocios e as posibilidades de crecemento.

A pesar do seu voto favorábel na Estrada, é evidente que ao PP non lle interesa ao proxecto da Cidade do Moble, paralizado desde que esta organización política goberna a Xunta de Galiza en 2009, indo da man doutras formacións políticas locais que miran mais polo do seu oportunismo político, que polos intereses xerais o concello e do sector do moble.

Con todo, non podemos deixar de hipócrita e demagoga a actitude do PP da Estrada, e en concreto do alcalde, que desde que goberna o noso concello en 2011 non é quen de sacar nin un só euro do seu propio partido en San Caetano para a Cidade do Moble, parapetándose en boas intencións que nunca se materializan en algo concreto. E mentres tanto, a actividade económica na Estrada cae a mínimos históricos e os comercios pechan, como xa denunciamos hai unhas semanas.

Pola parte que lle toca ao BNG xa anunciamos que, como sempre, presentaremos emendas para que o proxecto da Cidade do Moble saia do caixón de San Caetano e se poña a xerar solo industrial, emprego e actividade económica no noso concello. Agardamos que os grupos con representación no Parlamento sexan consecuentes co aprobado no pleno da Estrada, xa que a eles tamén ía dirixida a moción.

Por último estes orzamento tamén poñen en evidencia unha cousa: que o alcalde e en concreto o PP son un cero á esquerda, non contan máis que para sumar votos. Desde o BNG instamos ao alcalde a abandonar a actitude cínica que mantén a respecto da Cidade do Moble e esixir publicamente aos seus máis investimentos para o sector do moble e da madeira, que é estratéxico para a Estrada. Abonda xa de tomarnos o pelo!