A enquisa turística que fai o concello a través da web municipal é unha chapuza


Non respecta os nosos topónimos e pregunta se a persoa que nos visita vai durmir nun hotel, cando todo o mundo sabe que na Estrada non temos hotel desde hai anos

O concello da Estrada vén de lanzar a través de determinados soportes físicos unha web (aestrada.gal/turismo) para coñecer os hábitos turísticos das persoas que visitan o noso concello. O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “non cuestionamos a utilidade e o interese que pode ter a información que se pode acadar a través da rede, mais o que non toleremos é falta de respecto pola nosa lingua, en concreto polos topónimos propios como polos alleos”.

“Non é de recibo que a estas alturas”, afirmou Magariños, “unha institución galega como o concello da Estrada que ten a obriga legal utilizar a nosa lingua escriba nomes como “la coruña” ou “orense”, unha castrapada tiña que estar superada, mais semella que imos para atrás como os cangrexos”.

“Pero o que xa é de traca é que non respectamos os nomes que lle deron os nosos veciños e veciñas antigamente o noso patrimonio natural que afortunadamente aínda hoxe se mantén, e nós, o concello, temos a obriga de preservar e divulgar”, engadiu Magariños. “Un ponse colorado cando vemos nesta enquisa turística “cataratas” de Callobre, mesmo na versión en galego da web”, explicou o concelleiro, “en galego é “fervenza” non “catarata” como figura na web, e por certo, unha fervenza ben bonita, mais non ten as dimensións de Niágara nin Igüazú, non enganemos á xente”.

Xosé Magariños insta ao goberno municipal “a corrixir este despropósito, que mesmo pregunta en que “hotel” se vai aloxar o turista que nos visita, cando todo o mundo sabe que na vila non temos hotel desde hai anos”. “Isto non ten nome”, afirmou o concelleiro nacionalista, “non é de recibo semellante desleixo coa nosa lingua, especialmente aos poucos meses de aprobar unha ordenanza de normalización lingüística, que, aos feitos me remito, obvian e ignoran vilmente; iso sen mencionar o despropósito de preguntar por cousas que non temos na Estrada, o que denota un total pasotismo por parte do goberno municipal do PP ”.