Xosé Magariños insta ao alcalde a atender con máis dilixencia as peticións veciñais


O Pazo - Paramá 2018 2

Vial O Pazo-Paramá en Santo André de Vea

“Os compromisos do goberno municipal do PP son papel mollado”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, “iso é o que deben pensar os veciños e veciñas da Estrada que se puxeron en contacto co BNG para explicar que levan meses agardando por diversas obras e xestións comprometidas polo goberno municipal do PP”.

“En concreto”, explicou o concelleiro nacionalista, “o grupo de goberno ten comprometido contenedores do lixo no lugar de Paramá en Santo André de Vea, así como a mellora do vial que une O Pazo con este lugar, que está en moi mal estado, e pola que transitan a diario veciños e veciñas da parroquia”. “Ademais”, engadiu Magariños, “tamén ten pendente acometer o deslinde dun camiño en Ramiráns, en Santo André de Vea, polo que levan clamando os veciños hai xa moitos anos, mais a día de hoxe todo segue igual”.

“A maiores,” indicou o concelleiro nacionalista, “tamén se comprometeu coa asociación Entreaspontes a colocar un contenedor do lixo na praia fluvial de Pontevea; a día de hoxe, o contenedor brilla pola súa ausencia, a pesar de que cada día visitan máis persoas este enclave, especialmente grazas as melloras de rehabilitación feitas pola asociación”.

O concelleiro do BNG indicou que “temos denunciado en reiteradas ocasións o pasotismo do goberno do PP, e estas denuncias que nos achegan estas asociacións e os veciños e veciñas, son unha mostra máis de que este goberno non se merece o salario que cobra do erario público”.

“Instamos ao alcalde a axilizar estas peticións veciñais”, explicou Magariños, “e ser máis áxiles e resolutivos na xestión diaria”. “Os veciños e veciñas merecen un alcalde e un goberno que dea prioridade as pequenas cousas do día a día, de pouco serven as obras faraónicas, se logo a casa está sen barrer”, afirmou o concelleiro nacionalista, “e non é unha frase feita, dicímolo en sentido literal, non hai máis que ver o lixo que hai ciscado pola vila”.