Augas de Galicia danos a razón: os sistemas de depuración do concello non funcionan ben


Rexistro concello

Xosé Magariños: “Levamos anos denunciando o mal funcionamento das depuradoras, alegrámonos que por fin Augas de Galicia dea un tirón de orellas ao goberno municipal”

A Estrada, 21 de novembro de 2018: “Hai anos que desde o BNG vimos denunciando o deficiente funcionamento das depuradoras do noso concello”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “e alegrámonos de que por fin Augas de Galicia tire das orellas ao goberno municipal por verter auga contaminada os nosos ríos, e isto é un perigo para medio ambiente e para a saúde das persoas”.

O concelleiro nacionalista recordou que “xa antes do verán levamos ao rexistro do concello auga contaminada que se vertía aos ríos e regatos directamente dos distintos sistema que teoricamente depuraban as augas residuais”. “Iso sen mencionar”, engadiu Magariños, “as veces que denunciamos publicamente o mal funcionamento da EDAR ou dos sumidoiros, convertidos nun auténtico pozo negro de contaminación insalubre”.

Para o concelleiro do BNG, “este tirón de orellas é o recoñecemento público de que o BNG tiña razón cando alerta da situación dos sistema de depuración, e agardamos que o alcalde tome deste toque de atención e acometa con urxencia as melloras necesarias para que o sistema de depuración do concello funcione correctamente”.

“Por outra parte”, indicou o concelleiro nacionalista, “insistimos unha vez máis de que é prioritario que o goberno municipal acometa con urxencia o saneamento integral de todo o rural”. “É unha necesidade e un clamor dos veciños e veciñas que viven no rural”, afirmou Xosé Magariños, “isto si é unha prioridade, non gastar tres millóns na ampliación dunha nova Alameda”. “Os gobernos teñen que atender as prioridades das persoas, e o saneamento do rural é o primeiro”, explicou o concelleiro do BNG.