O BNG denuncia vertidos de auga contaminada nos sumidoiros de Penerada


Teremos unha nova alameda, pero despois da inauguración os problemas da traída e dos sumidoiros aí seguirán, enquistados, até que veña un novo goberno e lle dea unha solución

Unha máis e xa van incontábeis veces que desde o BNG denunciamos os problemas que teñen os sumidoiros do noso concello. Desta volta é na Penerada (Ouzande) onde un sumidoiro verte todo tipo de desperdicios e augas contaminadas procedentes do punto limpo e o matadoiro.

Os veciños e veciñas deste lugar están fartos, así como os dos Bolos (Lagartóns), que habitualmente soportan vertidos de todo tipo, denunciados estes últimos tamén polo BNG, mais a día de hoxe o goberno do PP non é quen de arranxar esta desfeita.

É evidente que o goberno de López dálle igual que a merda saia literalmente polos sumidoiros do concello, contaminado ríos e regatos, e mesmo os veciños e veciñas teñan que soportar os cheiros que desprende. Estamos ante unha grave irresponsabilidade por parte dun goberno que só ten ollos para a nova Alameda na que vai gastar máis de tres millóns de euros, deixando que o resto do concello vaia a pique.

Estamos ante un goberno pasota e inútil que non é quen de resolver os problemas do concello, dá igual que sexan os sumidoiros ou a traída de auga dos veciños de vila, que tamén habitualmente teñen que sufrir cortes de auga. Teremos unha nova alameda, pero despois da inauguración os problemas da traída e dos sumidoiros aí seguirán, enquistados, até que veña un novo goberno e lle dea unha solución.