O PP pon moi difícil a reciclaxe de residuos ás veciñas e veciños da Estrada


IMG-20181220-WA0022

Xosé Magariños insta ao goberno a xestionar mellor os servizos e a adherirse ao Plan Revitaliza da Deputación

“O goberno do PP non quere facilitarlle aos veciños e veciñas da Estrada a reciclaxe do lixo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “nestes días vemos como os contenedores amarelos de plásticos están cheos, desbordan de bolsas con lixo, obrigando ás persoas a botar o lixo na contenedor verde”.

“Parece que o goberno do PP está máis interesado en enviar todo o lixo a SOGAMA para que o queimen”, indicou o concelleiro nacionalista, “incrementando a conta de resultados desta empresa da Xunta, que representa un modelo caduco, antiecolóxico e ineficaz, xa que esta empresa só recicla o 11% do lixo que recibe, o resto vai para coxeneración eléctrica”.

Xosé Magariños volveu a recordar que o BNG si aposta pola reciclaxe e a compostaxe, “de feito, presentamos iniciativas para que o concello se adherise ao Plan Revitaliza da Deputación, mais foi rexeitado polo PP, prefiren carrexar lixo a SOGAMA para amorealo e queimalo”, explicou o concelleiro nacionalista.