Apoiamos conscientemente as bonificacións do IBI do rural


En política é importante cumprir a lei, pero máis importante é tratar con xustiza aos veciños e veciñas, neste caso do rural

Ao BNG non lle colaron nada, como afirma a portavoz de Móvete; o apoio do BNG á bonificación do 50% e do 95% foi un apoio consciente, meditado, xusto e asumible politicamente, igual de consciente, meditado, xusto e asumible politicamente foi a bonificación que o BNG aprobou en solitario en 2004 para facer fronte ao desfase das ponencias catastrais do noso concello, en especial da vila. Daquela, tamén había informes de secretaría en contra da nosa decisión, e non nos tremeu o pulso porque era algo xusto. E daquela, tamén PP e PSOE estaban en contra de aprobar esa medida, mais, logo dun peche de 45 días no concello, ao final abstivéronse, permitindo que os votos favorábeis do BNG aprobaran esta bonificación, que por certo, eliminou o goberno de López nada máis chegar á alcaldía en 2011.

Ante unha inxustiza o BNG nunca se pon de perfil, vai no noso ADN facerlle fronte e traballar para paliar na medida do posíbel os efectos desa inxustiza. E os sablazos que están recibindo os veciños e veciñas do rural son unha inxustiza, son un imposto revolucionario por ter a “ousadía” de vivir e traballar no rural, onde non hai servizos nin alamedas que susciten a preocupación do goberno do PP, e onde os gandeiros e gandeiras teñen que sortear enormes dificultades económicas e burocráticas para sacar adiante a súa explotación agraria.

Por iso o BNG apoiou esas bonificacións: as do 95% para as explotacións agrarias, e as do 50% para as instalacións do sector primario radicadas na mesma finca doutras construcións destinadas a un uso distinto das actividades agrarias, gandeiras ou forestais, normalmente a vivenda. Son insuficientes, pois só beneficiará a unha pequena parte dos veciños e veciñas do rural, mais non por iso deixamos de apoialas.

En política é importante cumprir a lei, pero máis importante é tratar con xustiza aos veciños e veciñas; a política é iso, sortear a lei para facerlle fronte a unha inxustiza, como fixemos en 2004. Para iso están os partidos políticos, para facer posíbel o imposíbel.

Por outra parte, para o BNG os “gastos de xestión”, os famosos 60 € que cobra catastro por dar de alta os inmóbeis, son un atraco, xa que trata do mesmo xeito a quen ten un galiñeiro fronte ás persoas que teñen máis propiedades. Mais tamén é unha inxustiza que propietarios con inmóbeis en distintas parcelas teñan que pagar os 60 euros por cada unha das parcelas. O dito, un atraco.