O proceso de regularización catastral do rural é unha chapuza chea de erros e incorreccións


parcela catastro

Xosé Magariños alerta de que o cobro retroactivo do IBI será unha pesada lousa para moitos veciños e veciñas.

O concelleiro do BNG acusa ao alcalde de organizar coa calculadora electoral na man a chegada das notificacións do catastro para que o cobro non coincida coas municipais

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, compareceu hoxe en rolda de prensa para valorar o proceso de regularización catastral que se está desenvolvendo no rural do concello da Estrada, en base a ponencia de valores aprobada en 1996 e actualmente en vigor.

O concelleiro nacionalista amosouse moi crítico co proceso que se está impulsado desde o catastro. Segundo explicou Xosé Magariños, “estamos a constatar unha importante falla de información cara os propietarios e propietarias dos inmobles afectados (alpendres, galpóns, cubertos, explotacións agrícolas e gandeiras, etc), en especial pola cantidade de erros detectados de maneira recorrente en moitos expedientes de regularización que nos fixeron chegar moitos veciños e veciñas do rural”. “Así temos comprobado”, explicou o concelleiro do BNG, “que se cualifican as vivendas como se foran chalés adosados e non vivendas rurais; non se ten en conta a antigüidade das construcións, o que leva aparellado que os propietarios e propietarias non se vexan beneficiados polos coeficientes redutores correspondentes; erros na consignación de actividade económica para algunhas construcións que non a teñen, incluso no ámbito urbano, asignándolles a algunhas que levan moitos anos en estado semirruinoso a catalogación de uso industrial, cousa que é un disparate”, afirmou Magariños. “Ademais”, engadiu, “tamén temos constatado comunicacións de regularización a algúns propietarios de bens rústicos, sen xustificación algunha pois non sufriron nin modificación da súa superficie, nin do seu uso”.

“Este proceso é unha chapuza”, afirmou Magariños, “e por enriba catastro cobra 60 euros aos propietarios e propietarias como gastos de xestión, un traballo que se fixo polo aire, sen pisar o terreo, de aí que até someten a imposición do IBI casetos de cans que teñen menos de metro e medio de alto”.

“Ademais”, engadiu Magariños, “dan moi pouco tempo para preparar as alegacións, só 15 día, semella que a preocupación deste organismo estatal é cobrar, mais non reflectir a realidade dos inmobles”.

O BNG alerta do cobro retroactivo do IBI
Mais o concelleiro nacionalista amosou a súa preocupación polo que considera “un atraco, xa que hai moita xente pensa que cos 60 euros xa amañou, pero o que non saben é que dentro duns meses o catastro cobrará retroactivamente o IBI dos últimos cinco anos, o que poñerá en verdadeiros apuros centos de persoas, moitas persoas pensionistas, que viven dunha pensión, propietarias dos inmobles, ás que non se lles informa do que se lles ven enriba”.

“Este asalto ao peto dos veciños e veciñas da Estrada está perfectamente organizado polo alcalde”, afirmou Magariños, “que, coa calculadora electoral na man, argallou para que os recibos co IBI dos últimos carto anos non lle coincida coa campaña electoral”. “Así se explica”, engadiu o concelleiro do BNG, “que as notificacións chegaran nas últimas semanas de 2018”.

Xosé Magariños explicou que “temos estimado que como mínimo serán 150 euros o que terán que pagar cada veciño e veciña e de aí para arriba en función do tipo de inmoble, dimensións, … etc”. “Un sablazo absolutamente incomprensíbel”, afirmou o concelleiro, “xa que os inmobles non estaban agochados en ningún paraíso fiscal, estaban e están ben á vista, e o lóxico é que antes se abra un período transitorio para que a xente inscriba os inmobles que até o momento non pagaban IBI”.

Apoio ás bonificacións
Por outra parte o concelleiro nacionalista deixou claro o apoio do BNG ás bonificacións aprobadas o pasado mes de outubro. Segundo Magariños, “quédanse curtas, pois haberá veciños e veciñas que non poidan acollerse a elas, mais non podemos seguir cargando as costas dos gandeiros e gandeiras, que son os que manteñen vivo o rural, a pesar de que hai quen cuestiona a súa legalidade”. “Fronte aos que miran as legalidades, nos apostamos polo rural e por solucionarlle os problemas á xente, igual que fixemos en 2004”, afirmou Magariños recordando a bonificación do IBI aprobada polo BNG en solitario.

Patrimonio en perigo
O concelleiro do BNG indicou que “están facendo imposíbel vivir e traballar no rural, parece que queren que estea todo a monte, que sexa todo unha silveira”. “Se xa é difícil e complicado vivir e traballar no rural, este catastrazo colma a paciencia de moitos veciños e veciñas que sofren un saqueo continuo dos seus petos, sen recibir servizos á altura do que pagan”, afirmou o concelleiro do BNG.

“Este catastrazo é unha pinga máis no tsumami da desertización e o abandono que avanza sen freo polo rural da Estrada”, explicou Magariños, “unha onda que se levará non só xente, senón moito patrimonio centenario, que ficará abandonado, cando non tirado para non pagar por algo ao que xa non lle dan uso”.

Unha palleira non é un alamacén
Xa por último a organización nacionalista frontista volve poñer enriba da mesa unha demanda histórica do nacionalismo: un catastro galego. “Se algo pon de manifesto todo este proceso é que non entenden a maneira de habitar o medio das galegas e galegos, e moito menos os usos que se lle dá aos inmobles”, explicou Magariños. “Un exemplo témolo nas tradicionais palleiras, onde se gardaba a herba seca, hoxe convertidos polo catastro madrileño en almacéns”, engadiu Magariños, “un concepto que fica nas antípodas do que é e do uso que se lle dá a estes espazos das casas rurais; por cousas como esta reclamamos un catastro galego, para que non só se dirixa a nós na nosa lingua, senón que entenda como vivimos e os usos que damos ao que temos”.