O alcalde presume de que na Estrada hai menos paro que en Lalín, mais a realidade é que é ao revés


pantallazo lópezEn novembro de 2018 a tasa de paro da Estrada era de 13,07%, mentres que en Lalín era do 12,08%.

Xosé Magariños: “O alcalde presume da miseria, porque descoñece A Estrada real”

“Presumir de que A Estrada ten 13 persoas menos no paro que Lalín é ridículo e absurdo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, en resposta a unha publicación do alcalde do noso concello nas redes sociais, onde pon en valor os datos do paro de ambos os dous concellos. “É ridículo, porque á hora de comparar o paro hai que facelo con porcentaxes que teñan en conta a poboación activa, non con valores absolutos como fai o alcalde, así, se collemos os datos que reflicte o dixital Expansión temos que no mes de novembro de 2018 A Estrada tiña un paro do 13,07%, mentres que Lalín tiña 12,80%”, explicou o concelleiro nacionalista. “E isto son datos do paro, porque se houbese datos da enquisa de poboación activa por concellos (EPA), con toda seguridade os datos serían aínda peores”, engadiu.

“O alcalde parabenízase da miseria”, indicou Magariños, “porque 13 persoas menos que Lalín non é un dato para botar foguetes, é para reflexionar de que está a facer mal o goberno municipal para que o paro no noso concello sexa tan alto”.

“O alcalde antes de poñerse a escribir en Facebook debería dar unha volta pola rúa para ver os comercios que hai pechados ou polo polígono de Toedo para ver que alí non colle unha empresa máis ou polas empresas do sector da madeira e do moble que nin ampliar instalacións e por suposto tampouco poder ir para a Cidade do Moble, porque o alcalde non é que de esixirlle a Feixóo cartos para o polígono sectorial”, afirmou Magariños.

“Autocrítica e algo de humildade é o que lle fai falta a este goberno municipal”, indicou o concelleiro do BNG, “está fóra da realidade, non fala coa xente, porque se coñecese A Estrada real, se falase cos veciños e veciñas, falaríalle dunha estrada moi distinta que non causa a envexa que di o alcalde, senón todo o contrario”.