A Estrada empeza 2019 sen orzamentos municipais


O Pazo - Paramá 2018 2Os orzamentos hai que aprobalos antes do 31 de decembro de cada ano, deles depende o benestar dos veciños e veciñas da Estrada

A Estrada, 11 de xaneiro de 2019: Os orzamentos municipais de 2019 deberían terse aprobado como moi tarde o pasado 31 de decembro, sen embargo van alá 11 días e aínda non hai trazas de que o goberno municipal do PP entre o documento ás forzas da oposición para que poidamos estudalo e facer propostas.

Esta praxe, que non é nova neste goberno liderado por López, é unha irresponsabilidade por parte dun goberno que ten maioría absoluta, e cuxo concelleiro delegado ten unha dedicación exclusiva, que, por certo, o BNG non votou favorabelmente no seu momento, como si fixeron outras forzas da oposición.

Os orzamentos son vitais para calquera administración, contemplan os ingresos que prevé o goberno, mais tamén os gastos e investimentos, e polo tanto son claves no desenvolvemento socio-económico do concello e depende o benestar dos veciños e veciñas.

Desde o BNG instamos ao goberno municipal a poñer sobre a mesa as contas dos orzamentos de 2019. Os veciños e veciñas da Estrada teñen dereito a coñecelos e os partidos temos dereito a presentar propostas para melloralos. Iso si, sempre e cando o goberno dea prazo suficiente para estudar a voluminosa documentación das contas, pois, como é habitual neste goberno do PP, despois de presentar tarde os orzamentos, veñen as presas por aprobalos.