A ampliación da Alameda é unha desfeita e un despilfarro de cartos públicos


desfeita na alamedaO BNG súmase á indignación dos veciños e veciñas da Estrada, e reiteramos o noso rexeitamento a esta ampliación que se enmarca dentro do proxecto EDUSI do que non nos sentimos cómplices

O BNG da Estrada xa ten manifestado en reiteradas ocasións o seu rexeitamento á ampliación da Alameda, habendo como hai outras prioridades no noso concello. Mais o que xa é intolerábel é que se gasten os cartos públicos levantando as lousas de pedra da praza do concello para poñer cemento no sitio, unha praza que non hai moitos meses sufriu unha modificación para retirar a xardineira do centro, e a que non hai moitos anos se rehabilitou por completo, desprezando o diñeiro investido nela e os traballos das escolas-obradoiro que a fixeron. Agora seica se lle quere dar unha imaxe vangardista que parece esteticamente incompatíbel co estilo da edificación municipal.

E a esta desfeita hai que engadirlle o derrube da pérgola monumental, así como do valado, uns elementos que formaba parte do patrimonio e da personalidade da alameda e da propia vila, ademais do seu valor material.

Un atentado ecolóxico
Mais por se todo isto non fose suficiente, o proxecto do PP derrubou árbores centenarias, que curiosamente si figuran na infografía da que tanto lle gusta presumir ao alcalde. Isto só pode ser cualificado de atentando ecolóxico, que tira por terra a sustentabilidade do proxecto EDUSI. Árbores que formaban parte da vila e dos recordos de moitos veciños e veciñas fican tirados no chan á espera de converterse en leña ou madeira. A todo isto, o goberno municipal ten que aclarar publicamente que vai pasar con esas árbores; se se vai vender, quen a vai vender, que se vai quedar cos cartos… preguntas que non poden quedar sen respostas.

img-20190112-wa0006

Árbores centenarias cortadas

Indignación de veciñas e veciños
Mais o PP gasta os cartos sobre o xa gastado, un feito que que indigna ao BNG, mais tamén indigna aos veciños e veciñas da Estrada que están en contra deste dispendio, que puxeron en coñecemento do BNG, mais tamén a través da radio municipal.

Non é de estrañar a indignación dos veciños e veciñas da Estrada polo levantamento da praza do concello, porque mentres tanto no rural non hai saneamento ou hai viais que levan agardando moitos meses por un arranxo que non chega, por non citar problemas de tipo estrutural como o abandono do rural, que necesita algo máis que unhas marquesinas novas como as recentemente instaladas polo goberno municipal. A isto hai que engadirlle os continuos cortes de auga que sofren os veciños e veciñas da vila, os problemas dos sumidoiros que tantas veces temos denunciado, entre outros, pero isto non é unha prioridade para o goberno municipal.

E mentres se despilfarra na Alameda, os veciños e veciñas do rural sofren unha regularización catastral chea de erros, que terán que pagar retroactivamente, uns cartos que finalmente acabarán nas arcas municipais.

Non somos cómplices desta desfeita
Esta obra de remodelación da praza do concello enmárcase dentro do proxecto da ampliación da Alameda que ten un custe de máis de tres millóns de euros, que se sufragarán con cargos de fondos propios e da EDUSI. No BNG xa temos manifestado tamén a nosa opinión a respecto deste proxecto que nin é social nin é sustentábel, é o proxecto dunha transnacional servido en bandexa ao grupo de goberno do PP. Un proxecto que o BNG nin comparte nin se sente cómplice, xa que hai moitos meses que abandonamos a comisión xestora da EDUSI, o único partido da oposición que non forma parte deste paripé montado polo PP co que poder cubrir o trámite de presentar diante das instancias europeas unha pretendida implicación cidadá que non é tal.

Tarde se deron conta algúns de que no medio dunha batería de propostas do goberno do López escondíase só unha idea fixa: a ampliación e reforma da alameda ao prezo que fose, e baixo un proxecto que só consensuaron co consultora Idom, a ideóloga de todo o proxecto. Un exemplo palmario de que a intención de ter en conta as achegas e propostas veciñais era realmente nula e máis ben buscaba posibles cómplices, entre os que non se atopa o BNG, como xa dixemos.