O BNG tira de retranca para criticar a un goberno do PP que abandona as necesidades do concello


 

Militantes do BNG levan unha escavadora de xoguete ao aparcadoiro público de Correos, así como fochancas de diversas viais municipais que en reiteradas ocasións teñen denunciado desde a organización nacionalista.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “tiramos de retranca e de humor para criticar o pasotismo dun goberno ensimesmado polas obras da Alameda, mentres deixa á súa sorte o rural e o resto de necesidades que ten o noso concello”.

“Termos aparcadoiros públicos decentes non só é unha necesidade, é unha obriga do goberno municipal mantelos en condicións para que os veciños e veciñas, moitos deles do rural, poidan deixar o seu vehículo sen ter que poñer as botas de auga”, afirmou o concelleiro do BNG. “No rural hai viais cuxas fochancas xa se ven desde o Google Maps”, engadiu “como o vial de Nigoi a Parafita, en Figueiroa, en Lagartóns… e en tantos outros sitios”.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista “esta acción simbólica é para poñer en evidencia a un goberno paralizado, xa que é evidente que cun escavadora de xoguete non se pode arranxar o aparcadoiro de Correos, por poñer un exemplo, ou limpar as cunetas de Paramá en Santo André de Vea, que tantas veces temos reclamado”.

“É unha mágoa que o goberno do PP non utilizara unha escavadora de xoguete para as obras da Alameda e si unha de verdade para arranxar os moitos problemas e necesidades que hai no noso concello”, indicou Magariños, “a situación da Estrada sería moi distinta”.