O BNG leva ao Parlamento Europeo o despilfarro da nova Alameda


WhatsApp Image 2019-02-15 at 11.36.48É inconcibíbel gastar fondos europeos millonarios na ampliación da Alameda cando non están cubertas as necesidades básicas dos veciños e veciñas.

A Estrada, 15 de febreiro de 2019: O BNG sempre mantivo unha actitude moi crítica sobre o proxecto EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostíbel) , financiado con fondos FEDER da Unión Europea, que deixará na Estrada unha chuvia de cinco millóns de euros. As liñas de actuación deste proxecto abarcan desde a utilización de ferramentas TIC, até promover a protección, fomento e desenvolvemento cultural e natural das áreas urbanas. Segundo a propia documentación da EDUSI, a participación é un dos alicerces claves nos que se asenta, sendo clave tanto na elaboración da propia estratexia como no posterior desenvolvemento.

Sen embargo, para o BNG non se cumpren ningún das premisas nas que se asenta a EDUSI. Nin se está por unha Estrada verde e sustentábel, como nos vende o alcalde, xa que un dos proxectos estrela é a nova Alameda, en cuxa construción se arrasaron árbores centenarias, que usa toneladas de formigón, un proxecto que non aposta por solucións de pouco impacto enerxético, tanto na construción como no seu mantemento posterior. Tampouco é certo, o da participación cidadá. Hai que ter en conta que organizacións políticas e sociais fixeron propostas, -o BNG entre elas- que nunca se chegaron a avaliar nin a considerar por parte da comisión xestora da EDUSI. Neste sentido, cómpre engadir que foi o propio alcalde o que recoñeceu publicamente que a ampliación da Alameda “non é unha proposta do PP; é unha proposta dun equipo, dunha enxeñería, que gañou un concurso e que se adapta ás necesidades da Estrada e á estratexia EDUSI”.

WhatsApp Image 2019-02-15 at 12.06.55Desde o noso punto de vista, a ampliación é unha despilfarro de cartos públicos. O PP enterra tres millóns de euros (un e medio de fondos FEDER e outro tanto de fondos propios) nun proxecto faraónico, que só servirá para engordar os beneficios dunha transnacional. Para o BNG é inconcibíbel gastar fondos europeos millonarios na ampliación da Alameda cando non están cubertas as necesidades básicas dos veciños e veciñas.

Por todos estes motivos, o BNG vén de impulsar unha iniciativa no Parlamento Europeo, a través da nosa eurodeputada Ana Miranda, para que se saiba como se gastan os millóns de euros dos fondos FEDER da Unión Europea. No BNG entendemos que non é de recibo que o grupo municipal do PP gaste un millón e medio de euros dos fundos EDUSI nunha actuación non prioritaria nestes intres habendo como hai outras prioridades e necesidades que padecen no día a día veciños e veciñas da Estrada. Entre elas subliñamos unha vez máis os problemas crónicos da traída de auga que padece a vila ou o saneamento do rural.

Ademais das citadas, desde o BNG presentamos 45 propostas no mes de xaneiro de 2017 que nunca se chegaron a debater ao longo destes meses en ningún foro, a pesar da tan cacareada participación cidadá que nos vende o PP. Unhas propostas que van desde a creación de aparcadoiros públicos gratuítos en superficie en distintos puntos da vila como demanda tamén o colectivo de comerciantes, ou a apertura de novas rúas, até potenciación da praza de abastos, recuperar os sistemas de regadío existentes actualmente inutilizados para que sirvan para afrontar as secas dos últimos veráns ou a posta en marcha do matadoiro municipal. En definitiva, unhas propostas que pretenden aproveitar as potencialidades comerciais da vila, así como a posta en valor do rural e dos atractivos turísticos que ten o concello.

Gastar sen control
A pesar de que estes proxectos EDUSI xa definen a priori en que aspectos se van a gastar os fondos europeos, restando marxe de manobra aos concellos para investilos naquelas cuestións que si son prioritarias para os veciños e veciñas, o que é inconcibíbel é que non haxa unha fiscalización por parte dos organismos da Unión Europea para evitar o despilfarro e mesmo a destrución de patrimonio con un valor intrínseco e custoso no seu día, especialmente cando hai necesidades que cubrir moito máis acuciantes como as indicadas anteriormente.