O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, recórdalle ao alcalde que no rural tamén hai simboloxía fascista en lavadoiros, fontes e igrexas
Despois de recibir un escrito da Dirección Xeral de Memoria Histórica do Ministerio de Xustiza, na que instaba ao goberno municipal a retirar o rueiro e a simboloxía fascista do noso concello, o alcalde vén de anunciar que revisará os nomes das rúas para ver de cambialos.
Segundo indica o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “parécenos moi ben que o alcalde por fin retire o rueiro fascista das rúas da vila, mais recordámoslle que no rural tamén a hai en fontes, lavadoiros e igrexas, que tamén teñen que ser retirados”. “O rural tamén existe”, afirmou Magariños, “a simboloxía fascista ten que ser retirada de todas partes, por xustiza coas vítimas da represión franquista, por democracia e por que hai que cumprir a lei de Memoria Histórica”.
Por outra parte, o concelleiro nacionalista volveu insistir en que “o noso concello non pode esquecer aos Mártires da Estrada, non pode esquecer ao alcalde e concelleiros fusilados en 1937, que pediron desde o patíbulo unha rúa que os recordase”. “Neste sentido,” engadiu Magariños, “o goberno municipal ten a obriga de facer as revisións e consultas que estime oportuno, mais antes de facer algún cambio ten que ser consensualo coas forzas políticas e sociais”. “E xa lle avisamos”, afirmou, “o BNG non vai esquecer aos Mártires da Estrada”.