O concello incumpre a súa propia ordenanza de normalización lingüística


IMG-20190220-WA0023

“O concello incumpre a súa propia ordenanza de normalización lingüística”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños. “Na rúa do Muíño veñen de colocarse uns carteis avisando do corte da rúa por mor dunhas obras que está integramente en castelán”, engadiu o concelleiro nacionalista.

“O artigo 19 de ordenanza de normalización lingüística aprobada por unanimidade de todos o grupos con representación indica expresamente que os sinais instalados polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias ou calquera outra entidade serán redactados en idioma galego”, indicou o concelleiro do BNG, “iso é o que aprobou o propio Partido Popular, mais a realidade é que o grupo de goberno incumpre sistematicamente este ordenanza, así como a Lei de Normalización Lingüística”.

O concelleiro nacionalista esixiulle ao goberno do PP “unha maior dilixencia no cumprimento das ordenanzas municipais e compromiso coa nosa lingua”. “Non é a primeira vez que este goberno obvia a lexislación a respecto da nosa lingua”, explicou Magariños, “de feito xa temos denunciado en varias ocasións feitos semellantes, mentres o goberno do PP como se a cousa non fose con eles”.

“Desde o BNG esiximos ao goberno municipal a retirada inmediata deses carteis e substituílos por outros que si cumpran a ordenanza municipal de normalización lingüística”, afirmou Magariños, “non é de recibo que un goberno incumpra as súas propias ordenanzas”.