O BNG insiste en transformar o ambulatorio vello nun verdadeiro centro de día


Centro de Saúde da EstradaA organización nacionalista ve con preocupación o nulo interese do goberno do PP por dotar A Estrada duns servizos sociais públicos dignos e á altura dun concello como o noso

A Estrada, 26 de febreiro de 2019: En decembro de 2017 o BNG da Estrada propuxo reconverter o ambulatorio vello nun centro de día, unha vez se consume o traslado do centro de saúde ás novas instalacións da Baiuca. Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “no seu día formulamos esta proposta, que tivo unha ampla repercusión, xa que un concello de máis de vinte mil habitantes non pode ter un raquítico centro de día de vinte prazas como o actual ubicado na Praza do Mercado”. “É claramente insuficiente para cubrir a demanda existente”, afirmou Magariños.

“Esta proposta”, engadiu o concelleiro nacionalista, “tamén a levamos ao Parlamento Galego que aprobou en abril de 2018 que a Xunta de Galiza estude a posibilidade de ubicar un centro de día nas instalacións do actual centro de saúde”.

A organización nacionalista ve con preocupación “o nulo interese do goberno do PP por dotar A Estrada duns servizos sociais públicos dignos e á altura dun concello como o noso”, indicou Magariños”, “o PP aposta pola chapuza permanente e a improvisación, non ten proxecto para a Estrada, é un goberno curtoplacista”.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “en relación á casa da xuventude que propón agora o goberno do PP no ambulatorio, o lóxico é que escoite á mocidade, que escoite a asociación “La Estación”, que hai poucos meses reivindicaba unha casa da xuventude na abandonada estación de autobuses”. “O lóxico”, afirmou, “é que se aproveite o traballo feito por esta asociación, que se aproveiten as sinerxias creadas neste entorno abandonado ou que, cando menos, se senten a falar con estes mozos e mozas”. “Insistimos”, engadiu o concelleiro do BNG, “é mellor que o goberno do PP se deixen de improvisar e que se senten a falar coa xente”.