Xa abonda de anuncios e postureo, xa é hora de que o alcalde se poña a traballar


Cartel Deputación Ouzande

Xosé Magariños: “Fronte aos anuncios do PP, o BNG investiu na Estrada a través do Plan Concellos da Deputación un total de 2.708.000 euros entre 2018 e 2019, un 73,10% máis a respecto de 2017”

“Xa perdemos a conta das veces que o alcalde da Estrada anunciou o desdoble da traída do Umia para proporcionar auga aos veciños e veciñas de Tabeirós e Nigoi”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños. “É unha das tantas promesas que lanza o alcalde nas vésperas das eleccións, como pode ser a ampliación da autovía, a Variante, cuxo anuncio de inicio das obras foi feito en 2015 pola daquela ministra de fomento, Ana Pastor, mais a día de hoxe ningunha desas promesas se chegou a concretar”.

“Prometer sae de balde”, afirmou o concelleiro nacionalista, “por iso cada catro anos ao alcalde acude á hemeroteca para ver que pode anunciar para enganar outra vez aos veciños e veciñas da Estrada”.

Xosé Magariños explica que “fronte á política da propaganda e do postureo do PP, a única administración que inviste na Estrada é a Deputación de Pontevedra, co-gobernada polo BNG, que á marxe de cores políticas pon cartos enriba da mesa para facer obras, onde o PP só ten anuncios”. “Así por exemplo”, engadiu Magariños, “o concello da Estrada contou en 2018 con 1.518.000 euros do Plan Concellos da Deputación para obras e con 1.127.000 en 2019, que en total supón un incremento do 73,10% máis a respecto de 2017”. “Estes son os datos e os feitos do BNG na Deputación de Pontevedra, e fronte a isto dos gobernos amigos do alcalde só temos anuncios e postureo”, afirmou o concelleiro do BNG.

O concelleiro nacionalista esixiu ao alcalde “que se deixe de tanto anuncio e que se poña a traballar, os veciños e veciñas da Estrada queren feitos e realidades que solucionen os seus problemas”.