O BNG propón que o concello forme, asesore e poña en marcha tendas virtuais para o comercio local


IMG_20180705_180447

Baixos en aluguer ou á venda na “milla de ouro” da Estrada

Xosé Magariños: “A idea é a de achegar o comercio local aos novos hábitos de consumo dos veciños e veciñas e teñan un complemento, unha axuda nas súas vendas, para manter vivo o comercio local”

“O comercio ten problemas graves, o BNG non está de brazos cruzados agardando un milagre como fai o alcalde, o BNG toma a iniciativa”

O BNG vén de rexistrar unha moción no concello para dotar de tendes virtuais ao comercio local. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “en reiteradas ocasións alertamos dos problemas e graves que ten o comercio do noso concello, que está a atravesar unha forte crise; por unha banda está o problema crónico dos aparcadoiros públicos da vila, que se caracterizan pola súa escaseza e falta de mantemento; e por outra banda, non é allea a influencia negativa que ten sobre o noso comercio local a cercanía á capital de Galiza onde se concentran un número importante de centros comerciais, que atrae tamén a non poucos veciños e veciñas da Estrada”.

“Mais”, engadiu Magariños, “tamén é indubidábel a influencia negativa que ten o comercio electrónico, que permite a calquera persoa comprar desde a casa ou desde un dispositivo móbil. De feito, segundo datos Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC), o comercio electrónico alcanzou en 2017 unhas vendas no Estado español de 30.406 millóns de euros, un 25,7% máis que en 2016.” “Estes datos”, explica o concelleiro do BNG, “indican que hai un cambio nos hábitos de consumo das persoas, tamén dos nosos veciños e veciñas, e fronte este cambio, o concello da Estrada ten que tomar a iniciativa para frear a crise do comercio local, poñendo todas as ferramentas que ten ao seu alcance”.

O concelleiro do nacionalista critica a pasividade do goberno do PP, “non podemos ficar de brazos cruzados, nós no BNG non somo de quedarnos a agardar un milagre, cada día hai máis baixos comerciais, e ante a pasotismo do goberno de López, o BNG toma a iniciativa presentando unha moción para que o concello proporcione unha tenda virtual aos comercios que o pidan”.

“Sabemos que xa hai algún comercio da localidade que xa ten a súa tenda virtual”, explicou Magariños, “mais a idea é estendela ao maior número de tendas físicas posíbeis, proporcionando a correspondente formación e asesoramento”.

Xosé Magariños explicou que “A Estrada conta con certa vantaxe, conta cos medios técnicos e o persoal cualificado de A Estrada Dixital para poder poñer en marcha esta iniciativa a un custe moi baixo para o concello e cero para o comercio local”. “O que si é moi caro e non nos podemos permitir é estar de brazos cruzados sen facer nada”, engadiu Magariños, “o comercio local é a alma da vila, non nos podemos permitir máis comercios locais pechados, vainos a vida”.

“Por outra parte”, indicou Magariños, “sabemos perfectamente que da noite para a mañá ningún comercio da vila se vai converter nun Amazon, a idea é a de achegar o comercio local aos novos hábitos de consumo dos veciños e veciñas e teñan un complemento, unha axuda nas súas vendas para manter vivo o comercio local”.