A falta de orzamentos revela un PP desganado que agarda a sentenza das municipais


seguranzavialEstamos a mediados de marzo e aínda non temos orzamentos. Esta anomalía, impropia nun goberno que conta con maioría absoluta, revela que estamos ante un goberno do PP derrotado, desbordado e desganado que agarda a sentenza das municipais para sacarse do medio. Só así se entende que levemos case tres meses de 2019 e aínda hoxe non teñamos sobre a mesa o proxecto de orzamentos deste ano.

Mais o lamentábel non é que non teñamos o documento dos orzamentos para poder analizalo, o peor é que hai moitas necesidades que cubrir na Estrada e sen orzamentos é imposíbel. De feito, os únicos investimentos que se están a executar agora mesmo no noso concello son os da Deputación. Se non fose pola área do BNG na entidade provincial, hoxe na A Estrada non se asfaltaría nin un só quilómetro de vial municipal.

Por outra parte, a falta de orzamento está a causar un gran prexuízo ás entidades sociais e culturais que non pode contar coas subvencións para acometer investimentos e actividades.

Desde o BNG volvemos a insistir ao goberno municipal do PP que urxe poñer sobre a mesa o documento de orzamentos deste ano, a poder ser, antes das municipais. Despois do 26 de maio xa se encargará o BNG de elaboralo.

O SERGAS xoga con lume
Para o BNG a contestación do SERGAS á denuncia sobre a recomendación que daba ás persoas diabéticas de que tiraran as agullas ou plumas ao lixo dános a razón, e ademais, mente. O BNG nunca dixo que esas agullas podían contaxiar a diabetes, senón outro tipo de enfermidades ou infeccións. As agullas ou plumas das inxeccións de insulina son residuos médicos e compre un tratamento específico; tiralas ao lixo é xogar con lume.

Mais esta contestación confirma que o que tantas veces temos dito, que o PP recorta na sanidade e iso ten consecuencias, como lamentabelmente xa vimos na Estrada.