Os orzamentos de 2019 son os orzamentos dun goberno derrotado, que pensa xa na oposición


Xosé Magariños: “A única aposta estratéxica do goberno de do PP son incrementar en 10.000 euros a partida para as luces de nadal”

“Para presentar estes orzamentos o goberno do PP escusaba agardar tres meses”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, após a primeira reunión da comisión de facenda que analiza as contas que presenta o goberno de López para o 2019. “Estes orzamentos son un calco dos de 2018”, engadiu Magariños, “un copia e pega”.

“Os orzamentos que presenta o goberno do PP son os dun goberno esgotado, nos que nin sequera hai entusiasmo á hora de defendelos”, explicou o concelleiro nacionalista, “tanto é así, que a única aposta estratéxica deste goberno do PP son incrementar en 10.000 euros a partida para as luces de Nadal”. “As luces e o brillo da alameda”, engadiu, “son as grandes apostas do PP para mellorar a calidade de vida e para xerar riqueza no noso concello”.

“Tanto é así, que no apartado de ingresos pola apertura de novas actividades económicas, hai unha clara redución desta partida”, explicou Magariños, “o que reflicte que este goberno non só non ten unha estratexia para darlle a volta á desastrosa situación económica, senón que xa dá por feito que imos costa abaixo e sen freos”.

“Con todo,” indicou o concelleiro do BNG, “agardamos que no vindeiro mes de maio este goberno derrotado dea paso a un novo con ideas claras e proxecto para este concello, un goberno liderado polo BNG”.