Xosé Magariños: “Non se xustifica que haxa lista de agarda no servizo de axuda no fogar”


DependenteO PP priva dun dereito que teñen recoñecido as persoas dependentes por aforrar aforrar e gastalos noutras cuestións que non son prioritarias

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “non se se xustifica que haxa lista de agarda para que unha persoa dependente poida acceder ao servizo de axuda no fogar”. “Temos coñecemento de persoas con dependencia recoñecida pola Xunta de Galiza de grao un e un 75% de discapacidade que non poden acceder ao servizo que presta o concello, debido á lista de agarda que hai”, explicou.

“De feito”, indicou Magariños, “se hai unha aprobación dun SAF (Servizo de axuda no fogar) polo procedemento de emerxencia social a habilitación de horas para prestalo está garantida, así que non hai razón para ter a xente dependente sen este servizo”.

“Para o BNG está claro”, engadiu o concelleiro nacionalista, “que se non se o concello da Estrada non presta este servizo a todas as persoas que o solicitan e teñen dereito a el, é por cuestións económicas; é dicir, o PP priva dun dereito que teñen recoñecido as persoas dependentes por aforrar aforrar e gastalos noutras cuestións que non son prioritarias como é este da atención ás persoas dependentes”.

O concelleiro nacionalista explicou que “o SAF é seguramente un dos servizos máis importantes que presta o concello, porque sirve de apoio ás familias que presentan problemas para o coidado dalgún dos seus membros con dependencia, proporcionándolles atención de diversa índole (coidado e atención persoal, hixiene persoal, compaña, axuda para levantarse ou deitarse na cama, limpeza da casa, etc)”.

“Lamentabelmente”, afirmou Magariños, “a prioridade do PP é o cemento branco da Alameda, non a atención ás persoas máis vulnerábeis, e faino conscientemente e plena connivencia coa Xunta de Galiza, o goberno amigo ao que non queren molestar”.