O BNG propón a creación dunha ruta circular dende a igrexa de Aguións ata esta fábrica de Pina


O BNG propón a creación dunha ruta circular dende a igrexa de Aguións ata esta fábrica de Pina, indo polo Camiño Real, que atravesa a parroquia. Segundo explicou o concelleiro e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, “queremos que a xente veña coñecer o noso patrimonio e demostrar que o seu aproveitamento para revitalizar o sector turístico no noso concello é posible. Imos demostrar que o noso patrimonio é fonte de cultura, mais tamén o é de riqueza”.

O candidato á alcaldía, acompañado por un grupo de militantes do BNG, achegouse até a parroquia de Aguións para comprobar o estado da fábrica de luz de Pina. O concelleiro nacionalista puido verificar a falta de interese do goberno do PP polo noso patrimonio, xa que o seu estado de conservación é lamentábel.. É máis, puidemos saber que os accesos ao ben patrimonial se van mantendo grazas ao esforzo e o compromiso das veciñas e veciños da parroquia de Aguións, que asumen a responsabilidade da súa limpeza, ante a indiferenza do alcalde e dos concelleiros de cultura e turismo.

Magariños lembrou a importancia do patrimonio histórico, “o patrimonio é o garante da nosa historia. É a nosa memoria tanxíbel. Cóntanos como foron os nosos antergos, como vivían e como traballaban, e polo tanto forma parte do noso ADN cultural. Sen o patrimonio somos un pobo empequenecido, sen memoria”. Magariños reivindicou tamén o valor do patrimonio industrial, algo do que o noso concello pode presumir, e a fábrica de Pina é bo exemplo.

O concelleiro nacionalista anunciou que esta proposta formará parte do noso “programa electoral, que temos en fase de elaboración, e será unha das medidas que poñeremos en marcha no vindeiro goberno municipal”.