O BNG propón un plan a catro anos para mellorar a toda a rede viaria do concello esquecida polo PP


O goberno do PP ten nun total estado de abandono a rede viaria municipal

O BNG da Estrada quere poñer en evidencia o estado de abandono en que o goberno de López ten moitas vías de comunicación do rural estradense. Xosé Magariños, voceiro da formación nacionalista, considera “inadmisible este estado de cousas que demostran unha falla total de respecto e preocupación polas condicións dos servizos aos que teñen dereito os cidadáns, que para iso pagan impostos.

Neste caso, que non é único, non se trata dun vial pouco transitado ou só destinado a vehículos que soporten unhas peores condicións do firme. É a vía pola que os veciños e veciñas de Barbude acceden aos seus domicilios.

O BNG a través do seu voceiro e candidato á alcaldía, Xosé Magariños, reclama unha vez máis que se lle poña fin á esta actitude de abandono no que o goberno do PP ten ao rural. O BNG considera ademais que non se están aplicando correctamente os criterios de prioridade á hora de investir o diñeiro que chega da Deputación a través do Plan Concellos.

O BNG por enésima vez esíxelle ao Sr. López que erga os ollos das súas teimas urbanísticas do núcleo urbano e se entere de que o rural tamén existe, por certo, con máis da metade da poboación do concello.

Ante esta situación de abandono e desleixo, e tendo en conta o pouco tempo que resta para as eleccións municipais, o BNG pon enriba da mesa a súa alternativa: analizar un por un todos os viais do concello, sexan de titularidade municipal ou non, para que no prazo de catro anos darlle a volta a esta situación caótica que sofren os veciños e veciñas. É posíbel facelo, de feito xa o fixemos durante o bipartito, e volveremos a poñer os viais da Estrada en condicións de uso e desfrute de todos os veciños e veciñas.

Po outra parte, este plan de mellor non só abrangue os viais, senón aos desbroces, cunetas e outros elementos de seguridades, sinalización de núcleos, etc. Como dixemos anteriormente, o rural tamén existe e merece toda a atención que o goberno do PP non é quen de dar.