O BNG comprométese coa Variante


WhatsApp Image 2019-04-23 at 09.15.51

Roberto Jorque, Constantino Regueira, Xosé Magariños e Susana Camba

Os candidatos e candidatas do BNG comprométense en firme a traballar intensamente na Cámara Baixa, desde a representatividade e o peso político que lles outorgue a cidadanía cos seus votos, para que se lle dea unha solución definitiva á construción da Variante, que evite o tráfico pesado polo medio da vila e que optimice a conexión dos nosos núcleos industriais de produción cos puntos de saída das mercadorías cara os circuítos de comercialización estatais e mesmo internacionais. Estamos a falar dunha vía que debe dar saída ao Polígono de Toedo, á futura Cidade do Moble e, en xeral, a toda a industria xerada no territorio municipal.

No día de onte Susana Camba, candidata nº 3 por Pontevedra, acompañada do candidato á alcaldía de Forcarei, Roberto Jorge, de Xosé Magariños, candidato á alcaldía da Estrada e varios militantes do consello local do BNG, quixo facer visible este compromiso na rúa amosando esta mensaxe no cruce da rúa Pérez. Viondi coa Avda. Benito Vigo.

O breve tempo que permaneceron neste lugar foi suficiente para comprobar o intenso tráfico de camións e outros transportes que pasa por unha rúa que é centro neurálxico do casco urbano.

O BNG da comarca Tabeirós/Terra de Montes quere así reafirmar o que a cabeza de lista por Pontevedra, Carme Da Silva e a propia Susana Camba, lle expuxeron ás centos de persoas que asistiron ao acto de campaña que a formación nacionalista celebrou o pasado domingo no restaurante Samaná, coa presenza e intervención da Portavoz Nacional Ana Pontón.

A mensaxe do BNG é clara: A Variante da Estrada ten que estar no Congreso e polo tanto nos próximos orzamentos do estado. Así o fixemos ao longo das lexislaturas en que o BNG tivo voz no Congreso, presentando emendas en sucesivas ocasións aos orzamentos do Estado para que sacar adiante a tan ansiada infraestrutura. Este compromiso do BNG contrasta co baleiro deixado por todas as forzas políticas que nos últimos anos seica nos representaron. Tanto PP, como PSOE como En Marea-Podemos obviaron nas súas reivindicacións e nas súas emendas a Variante da Estrada, o que demostra unha vez máis que se o BNG está, a Variante está.