Teremos unha Alameda lustrosa nunha vila onde os edificios caen a cachos


O candidato á alcaldía do BNG, Xosé Magariños, critica “as presas do PP por ter a foto da Alameda aparentemente rematada, mais xa sabemos todos e todas que as obras continuarán posteriormente”. “Algo parecido xa aconteceu hai catro anos”, afirmou Magariños, “cando inauguraron o Novo Mercado, cuxas obras continuaron semanas despois da inauguración oficial”.

O candidato do BNG explicou que “as presas non son boas, xa pasou co Novo Mercado que é unha auténtica chapuza no que entra auga en canto caen catro gotas e coa Alameda pasará outro tanto, as obras continuarán despois da foto do 16 de maio”.

Xosé Magariños tamén criticou que o PP aposte polos rolos de herba, “o lóxico e o máis económico sería sementar a herba, pero claro, as presas que ten López é incompatíbel coa velocidade coa que medra a herba”. “Por outra parte”, indicou Magariños, “non hai máis que ver o actual estado da Alameda para ver que no verán serán contadas as zonas de sombra na nova Alameda, despois de que este proxecto depredador arrasara as árbores máis antigas e de maior porte que daban bo abrigo nas tardes de sol”.

A Estrada cae a cachos

O candidato o BNG á alcaldía tamén criticou o pasotismo do grupo de goberno “coa evidente inestabilidade de moitos edificios da vila, un deles acordoado á altura da Praza da Farola, con evidente risco para os veciños e veciñas da Estrada”.

Xosé Magariños explicou que “pedimos en reiteradas ocasións que se fixeron un informe exhaustivo dos edificios da Estrada, especialmente daqueles que tiñan un evidente deterioro e aínda hoxe non se fixo nada”. “Iso si”, explicou o actual concelleiro nacionalista, “teremos unha Alameda que luza moi lustrosa o día 16 de maio, pero preto dela hai edificios que se caen a cachos”.