“Noites Abertas” e locais de ensaio para as bandas musicais da Estrada, propostas do BNG para a mocidade


encontro mocidade

As propostas para a mocidade completaríase coa posta en marcha dunha Casa da Xuventude, un espazo multidisciplinar, un punto de encontro onde a mocidade poida organizar todo tipo de actividades sociais e culturais

María Xesús Balo e Victor Pousada, candidatos do BNG ás eleccións municipais, mantiveron na tarde de hoxe un encontro con mozos e mozas da Estrada para recoller propostas para o programa electoral co que o BNG concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio. Mais este encontro tamén serviu para coñecer de primeira man as iniciativas que o BNG de Pontevedra puxo en marcha desde o goberno municipal da capital do Lérez. Para este fin contamos coa presenza de Alberto Oubiña, concelleiro nacionalista que ten delegacións sobre mocidade e participación cidadá.

O concelleiro do BNG de Pontevedra explicou unha serie de iniciativas, algunha delas leva vinte anos en funcionamento, como é o caso de “As Noites Abertas”. Esta iniciativa é unha alternativa ás noites de ocio habituais da mocidade, con actividades de todo tipo para mozas e mozos de entre 12 e 30 anos, unhas actividades que son totalmente gratuítas, inclusivas e non sexistas, entre as que se atopan actividades de tipo deportivo, manualidades, artesanía, creación de Apps, videoxogos, xogos de rol, etc.

Outra das iniciativas que puxo en marcha o BNG de Pontevedra foi a creación dun local de ensaio para os grupos musicais da cidade. Este local é gratuíto, autoxestionado e cuxa inscrición se fai a través da páxina web do proxecto.

Desde o BNG entendemos que ambas as dúas iniciativas son extrapolábeis ao noso concello, e neste sentido comprometémonos a dar unha resposta á demanda da mocidade estradense que busca unha alternativa á actual oferta de ocio nocturno, mais tamén poñeremos en marcha un local de ensaio para as bandas musicais da localidade, un colectivo importante de mozas e mozas que nunca contou respaldo político do actual goberno do PP.

Mais o BNG tamén ve con bos ollos as propostas da mocidade que participou no encontro, entre elas a posta en marcha dunha Casa da Xuventude, un espazo multidisciplinar, un punto de encontro da xente moza onde poidan organizar todo tipo de actividades sociais e culturais.

Neste sentido, o BNG comprométese a por en marcha estas iniciativas, sempre en diálogo permanente coas mozas e mozos da Estrada.