O PP continúa coa súa política caciquil de asfaltados a cambio de votos


 

O lugar onde reside actual concelleira do PP, Ángeles País, pode presumir de ser hoxe un lugar privilexiado polas cacicadas do PP, mentres parroquias como Santo André de Vea ou Frades teñen desfeitas o vial que as comunica

“Se algo molesta e cabrea aos veciños e veciñas da Estrada é o caciqueo do PP ao longo de todo o mandato, pero que se incrementa nos meses e semanas previos ás eleccións municipais”, afirmou o candidato do BNG á alcaldía da Estrada, Xosé Magariños.nun calvario

O candidato nacionalista explicou que “o caciqueo do PP discrimina gravemente a veciñas e veciños, non os trata por igual, que é o que debería primar en calquera administración pública”. “Así por exemplo”, engadiu Magariños, “en Vilacriste, na parroquia de Cora, o lugar onde reside actual concelleira do PP, Ángeles País, pode presumir de ser hoxe un lugar privilexiado polas cacicadas do PP, non só está perfectamente desbrozado, senón que o goberno municipal limpou as cunetas e asfaltou só o tramo que afecta ao lugar”.

“Este trato privilexiado ao lugar á aldea da concelleira do PP”, indicou o candidato do BNG á alcaldía, “contrasta coa maioría das parroquias, onde nin se desbrozou, nin se limpan as cunetas e por suposto non se asfaltan os viais”. “Iso é o que pasa por exemplo”, engadiu Magariños, “no vial que comunica Santo André de Vea, Frades e Requián, onde hai tramos deste vial en moi mal estado, que converte o tránsito por estas parroquias nunha tortura; sen embargo, como en Santo André de Vea e Frades non vive ningunha concelleira ou concelleiro do PP non pasan as máquinas do concello”.

O candidato do BNG á alcaldía afirmou “que hai que rematar con este tipo de prácticas caciquís, un concello non pode dirixir as súas actuacións no rural en función de se viven ou non concelleiras e concelleiros do PP, non pode haber privilexios, un concello ten que tratar a todos os veciños por igual”.

Xosé Magariños reitera a súa aposta “por un goberno para todos e todas, un goberno que non caciquee votos no rural a cambio de asfaltados”. “Neste sentido”, engadiu o actual concelleiro do BNG, “se o BNG ten a confianza dos veciños e veciñas da Estrada este 26 de maio, comprométese a elaborar un plan a catro anos para mellorar a rede viairia do concello, abandonada polo PP nestes últimos anos”.