Presentamos un programa para avanzar e para superar a parálise dos sucesivos gobernos do PP


Presentación programa

O concello ten que ser o motor da economía da Estrada

Os oitos últimos anos do goberno do PP caracterizáronse pola parálise, o pasotismo, o desleixo e polas obras cara a galería, como a da Alameda, moi caras para o erario público municipal e de escasa rendibilidade social e económica. O noso concello segue sen enfrontar os grandes retos que ten por diante: a Variante e a mellora das infraestruturas en xeral, solo industrial público, a Cidade do Moble e a mellora dos servizos sociais públicos. Esta parálise pálpase na rúa con ducias de comercios pechados e baixos comerciais en alugueiro; é vox populi, A Estrada non só non avanza, senón que retrocede. Tanto é así que levamos décadas perdendo poboación e a piques estamos de baixar dos 20.000 habitantes, un nivel que o noso concello non pode perder, polas graves consecuencias que ten para as arcas municipais.

Unha A Estrada para traballar

Fronte a isto, o BNG presenta un programa electoral para facer do concello o motor da economía local. Por unha banda creando máis solo industrial público coa ampliación do polígono industrial de Toedo e aposta en marcha da Cidade do Móbel. A Estrada non pode permitirse o luxo de perder empresas clave na nosa economía, teñen que poder expandirse para poder xerar emprego no noso concello.

Un concello para as persoas

Esixiremos a inmediata construción da Variante que permita desconxestionar o tráfico da vila e a mellora en xeral de todas as infraestruturas clave como a Autovía ou a estrada que comunica con Pontecesures e de aí coa AP-9 e a autovía da Barbanza.

Na vila construiremos novas rúas, como a prolongación da Rúa 25 de Xullo até as Colonias, desenvolvendo os polígonos polas que discorre, o que permitiría configurar o espazo urbano na zona nordeste da vila, preservando o entorno das Rúas Leicures e Esmorís, incluíndoas nunha zona verde, situar unha zona de aparcadoiros na confluencia coa rúa Leicures para dar servizo á feira os días de mercado, e reservar terreos provenientes de cesións ao concello para a construción de vivendas de promoción pública. Prolongación da Rúa Antón Losada até a Avenida de Pontevedra, completando unha vía de circunvalación interna entre as Colonias e o Pedregal.

Estas propostas unha vez executadas, completarían unha trama viaria que contribuiría a desconxestionar o tráfico polo centro da vila e conformar un novo espazo urbano.

Como xa dixemos ao longo dos últimos meses, a ampliación da alameda non soluciona o déficit de zonas verdes e de lecer que ten A Estrada, xa que concentra toda a oferta nun único espazo e o BNG considera que deben estar distribuídas polo casco urbano para que todos os veciñas e veciñas teñan preto da súa casa unha área verde pública. Neste sentido propoñemos aproveitar as poucas zonas con arboredo que aínda quedan na vila e cumprir ou mesmo superar os estándares recomendados na lexislación urbanística nas zonas de expansión urbana.

O BNG tamén propón mellorar e ampliar as zona de aparcadoiro gratuíto en superficie, como por exemplo, nos terreos entre as rúas Gradín e Santo Antón, así como ampliar o aparcadoiro n parte posterior da Casa das Letras.

En definitiva, o BNG da Estrada presenta un programa para facer avanzar o noso concello e superar a parálise dos sucesivos gobernos do PP.

DESCARGA: