O BNG aposta pola recuperación para uso público da Torre e o Pazo de Guimarei


Foto Torre Guimarei

Xosé Magariños: “Recuperando o pasado poderemos camiñar cara o futuro”

“A Torre e o Pazo de Guimarei simbolizan o estado no que se atopa o patrimonio cultural e histórico no noso conello. está completamente abandonado e a monte, como moi ben pode apreciar calquera veciño ou veciña da Estrada que se achegue a esta parroquia da Estrada”, afirmou o candidato do BNG á alcaldía, Xosé Magariños, que na mañá de hoxe militantes e membros da candidatura nacionalista realizaron un acto reivindicativo ao pé da Torre de Guimarei.

“É evidente que para o PP o prioritario é o cemento branco, fronte ao rico patrimonio que temos”, indicou Magariños, “nun concello gobernado polo BNG sería unha prioridade, exemplos hai abondo, basta mirar en Allariz ou Pontevedra, exemplo de que con ideas claras, recuperando o pasado podemos camiñar cara o futuro”.

“Por iso”, engadiu o candidato do BNG, “para o BNG será prioritario recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei, para, por unha banda, uso e desfrute dos veciños e veciñas, e por outro para poñelo en valor, porque sabemos da súa potencialidade, especialmente dada a súa proximidade ao casco urbano”.

“Mais,, cando falamos de patrimonio cultural e arquitectónico, non só falamos da Torre de Guimarei”, indicou Magariños, “aí está a ponte de Pontevea, declarada BIC hai poucos meses a iniciativa do BNG, onde agora queremos poñer en marcha un plan integral de valorización, demandado pola asociación Entreaspontes, que fixeron un traballo inxente de recuperación do entorno ao longo dos últimos anos, ante a desidia do goberno do Partido Popular”.

“A posta en valor do noso”, afirmou Magariños, “é tamén clave para unha política turística con garantías de éxito, se temos todo a monte, como até agora, pouca xente visitará o noso concello, abocando ao fracaso e á desaparición o sector turístico estradense”. “Queremos que veña xente,” engadiu, “pero que tamén coma e durma aquí, queremos que o turista gaste na Estrada, o que beneficiaría ao sector é a hostalería local, e por suposto, á creación de emprego, que outra das prioridades do BNG”.