As presas do PP por lucir a Alameda para as eleccións sáenos moi caro


Alameda da Estrada

Céspede de paquete (52.404 €), mover árbores de sitio (20.032 €), e plantar novas árbores (17.894 €). Total 90.330 euros.

O empeño do goberno municipal do PP por lucir para a campaña electoral a remodelación da Alameda sáenos moi caro. Xa dixemos no seu día que gastar 3.300.000 euros neste proxecto era un dispendio tendo en conta as necesidades e prioridades que ten o concello da Estrada.

Mais a teima do PP por lucir a Alameda para as eleccións do 26 de maio lévao a gastar nada menos que 52.404 euros en tepes de céspede, é dicir, céspede de paquete, cando o lóxico e máis barato sería sementar e agardar a que medre a herba.

Mais o dispendio aínda non remata na herba de paquete. Tamén hai consignados no presuposto de remodelación da Alameda 20.032 euros para mover árbores de sitio para que encaixen no deseño, así como 17.894 euros na plantación de novas árbores como o Platanus Hispanica, cun custe de 10.447 euros, ou o Quercus Rubra (carballo americano) de 3.323 euros. Resumindo: o concello da Estrada pagará polo céspede, os transplantes e as novas árbores un total de 90.330 euros.

Desde o noso punto de vista isto non é só moi grave, é un auténtico disparate porque hai que recordar que se cortaron árbores que levaban moitas décadas entre nós, mais o PP prefire gastar diñeiro público nunhas árbores que está por ver que saen adiante, e que desde logo, de momento, non van dar a sombra que daban as que cortou o goberno do PP.

Por outra parte, desde o BNG seguimos insistindo en que este proxecto de Alameda terá un mantemento moi caro para as arcas municipais. Non só en xardinería, senón tamén en manter en condicións a inmensa zona de cemento branco, que, como dixemos, acabará por ensuciarse e a limpeza é moi cara.