Poñeremos en marcha os “núcleos de centralidade parroquial” para dinamizar a vida socio-cultural das parroquias


Escola Santo André de Vea

Marcelo Vidal, Xosé Magariños, Susana Camba e Xosé Manuel Baños na escola de Santo André de Vea

Moitas das parroquias da Estrada teñen unha intensa actividade social e cultural a pesar do nulo apoio por parte do goberno do PP ás asociacións culturais e de veciños e veciñas. Moitas das actividades que se desenvolven fanse en locais de titularidade municipal ou parroquial, na maioría dos casos o mantemento destes espazos corre a cargo da veciñanza, que fai o que pode para mantelos habitábeis e para desenvolver as súas actividades con dignidade.

O BNG quere rematar con este xeito de proceder por parte do goberno municipal do PP. Neste sentido, se temos o apoio maioritario dos veciños e veciñas da Estrada, poñeremos en marcha os “núcleos de centralidade parroquial”, un plan que desenvolveremos ao longo do próximo mandato.

Este plan busca, de acordo coas entidades e veciños e veciñas, remodelar eses espazos nos que se desenvolve a actividade socio-cultural nas parroquias para facelos máis habitábeis e útiles, cunha remodelación integral deses espazos. Entrarían dentro deste plan por exemplo a escola de Santo André de Vea, nas que desenvolve as súas actividades Tamparrantán ou as mulleres rurais, a de Couso, nas que traballa A Xesteira, en Ouzande, en Orazo, entre outras parroquias.

Na maioría dos casos, como xa indicamos, son espazos que non mudaron nos últimos 40 anos, e se o fixeron foi sensibelmente, grazas ao traballo dos veciños e veciñas.