O BNG propón un Plan Municipal de Normalización da Lingua para actuar en dous ámbitos: interno e socialmente


IMG-20190220-WA0023O goberno municipal do PP deu mostras nos últimos anos dun desprezo total á nosa lingua, un feito reiteradamente denunciado polo BNG da Estrada. Baste recordar por exemplo a páxina de turismo, que nin sequera respectaba os nosos topónimos propios, edición de folletos, cartaces ou faixas publicitarias integramente en castelán, desprazando completamente a nosa lingua foi o habitual por parte do goberno do PP.

Fronte a este desleixo e menosprezo do PP pola lingua galega o BNG propón en primeiro lugar o cumprimento estrito da ordenanza municipal de normalización aprobada polo pleno neste último mandato. Pode parecer unha obviedade comprometerse a cumprir as ordenanzas municipais, mais os incumprimentos reiterados por parte do goberno municipal do PP, obriga a calquera forza política, entre elas o BNG, a comprometerse en primeiro lugar co aprobado no salóns de plenos municipal.

Con todo, o BNG impulsará un Plan Municipal de Normalización da Lingua Galega que terá dúas liñas de actuación, unha interna para actuar na normalización no ámbito da administración local e outra social, para incrementar o uso e prestixio do galego en diversos ámbitos e sectores sociais.

No que atinxe ás actuación no ámbito interno do concello, o BNG comprométese a que toda a documentación, actas, informes, impresos, expedientes, comunicacións, bandos, así como cartelería, rotulacións etc, estarán integramente na nosa lingua, vixiando especialmente o respecto pola formas correctas da toponimia e polo uso dun galego correcto e de calidade. Por outra parte, esixirá que os servizos de xestión, proxectos, servizos xurídicos… que encargue o concello a terceiros sexan presentados na nosa lingua.

No que respecta a actuacións no ámbito social, o BNG comprométese a impulsar que a Escola Infantil Municipal oferte ensino de 0 a 3 anos en lingua galega. Programarase unha oferta cultural que sirva para dar a coñecer e poñer en valor as creacións en galego no ámbito da música, o audiovisual e o teatro, coidando sempre de dirixir unha parte importante destas actividades á mocidade e ao público infantil. Valorarase o emprego da lingua galega no apoio e subvencións para asociacións de todo tipo (culturais, comerciais, deportivas, veciñais,…) e colaborarase especialmente con aquelas que teñan entre os seus obxectivos a defensa e normalización da lingua galega.

Estas iniciativas, entre outras, farán da Estrada un concello modélico na defensa e promoción da nosa lingua, como o son concellos gobernados polo BNG como Pontevedra ou Carballo.