A depuradora do Foxo non funciona e leva anos apagada


Xosé Magariños: “Non é o momento de malgastar os cartos dos veciños e veciñas en obras de dubidosa rendabilidade social e económica, é o momento de que o rural teña un saneamento que funcione e adecuado á realidade do noso concello”

A depuradora do Foxo non depura e hai anos que non funciona. Este é un feito que puido constatar Xosé Magariños nunha recente visita ao espazo onde está ubicada.

O candidato do BNG á alcaldía explicou que “o estado no que se atopa a depuradora do Foxo choca frontalmente coa Estrada idílica que nos quere vender o PP de López; a depuradora non funciona, hai anos que non o fai, entre outras cousas porque os machetes do cadro eléctrico están todos apagados, non hai electricidade e sen corrente non funciona”.

“O máis grave é que o PP está enganando aos veciños e veciñas do Foxo”, afirmou Magariños, “pensan que as súas augas sucias están debidamente canalizadas e depuradas, mais a realidade é unha estafa, unha grande estafa”.

O candidato do BNG á alcaldía explicou que “levamos moito tempo denunciando o estado no que se atopa o saneamento no noso concello, xa son poucas as parroquias que contan con saneamento, senón que onde o hai non funciona, como moi ben puidemos constatar”.

Xosé Magariños afirmou que “A Estrada non pode ter un alcalde que engane aos veciños e veciñas, non pode ser que haxa un goberno que malgaste fondos públicos e obras de dubidosa rendibilidade social e económica. O 26 de maio é o momento de dar un cambio radical e apostar por un goberno que se ocupe das necesidades e preocupacións da xente”. “É o momento”, engadiu, “de que o rural teña un saneamento que funcione e adecuado á realidade do noso concello”.